A Agadic organiza un encontro profesional co director do Festival de Cine de San Sebastián

  A iniciativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, enmárcase no programa de formación continua no eido audiovisual Galicia ProFilme

  José Luis Rebordinos ofreceu unha charla-coloquio sobre as oportunidades que brinda o certame donostiarra e mantivo reunións individuais sobre proxectos galegos

A Agadic organiza un encontro profesional co director do Festival de Cine de San Sebastián
[09/03/2018]
O director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos, mantivo hoxe un encontro con directores, directoras, guionistas e representantes de produtoras galegas, a quen lles trasladou as claves e as oportunidades de promoción que lles ofrece o certame donostiarra, máis alá da presenza na carteleira artística.

A sesión, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, enmárcase no programa formativo Galicia ProFilme, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento da formación continua de todos os aspectos que inciden na produción e comercialización audiovisual, tal como explicou na apertura do acto o director da Agadic, Jacobo Sutil. Jaime Pena, programador do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, foi o encargado de presentar o protagonista da xornada, José Luis Rebordinos, director desde 2011 do Festival de San Sebastián, o máis importante de España e un dos máis destacados do circuíto internacional.

Rebordinos repasou as seccións competitivas e non competitivas nas que se estrutura o evento que dirixe (Sección Oficial, Nuevos Directores, Horizontes Latinos, Perlas ou Zabaltegui, entre outras), ás que cada ano poden acceder longametraxes inéditas. Tamén se referiu aos encontros profesionais promovidos desde outros apartados enfocados a concertar xuntanzas, ver películas e organizar actividades dirixidas a impulsar a participación e cooperación en novos proxectos, así como a abrir novas vías de financiamento e promoción internacionais. Centrouse especialmente no apoio que o audiovisual galego pode atopar en foros como Glocal in Progress, nacido o pasado ano para acoller películas europeas en fase de postprodución rodadas en linguas non hexemónicas, ou o programa de residencias audiovisuais Ikusmira Berriak.

Despois da charla-coloquio, o director do Festival de Cine de San Sebastián mantivo reunións individuais para abordar cuestións e propostas concretas formuladas polos profesionais galegos, tanto sobre proxectos en desenvolvemento como sobre títulos xa rematados ou en fase de filmación ou montaxe.