O CDG avanza na produción de 'Divinas Palabras Revolution' como adaptación desinhibida da obra de Valle-Inclán

  Os ensaios co elenco desenvólvense ao tempo que o equipo artístico e técnico materializa a escenografía, música, iluminación, vestiario, caracterizacións e vídeos que trasladarán á actualidade esta coñecida traxicomedia

O CDG avanza na produción de 'Divinas Palabras Revolution' como adaptación desinhibida da obra de Valle-Inclán
[14/03/2018]
Cumprido o primeiro mes de ensaios de Divinas Palabras Revolution, o novo espectáculo que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 12 de abril no Salón Teatro de Santiago, o seu equipo artístico e técnico avanza na materialización de todos os elementos escénicos que contribuirán a situar no tempo presente a coñecida obra de Valle-Inclán.

O obxectivo é ofrecer unha lectura desinhibida e actual desta “traxicomedia de aldea”, tal e como a subtitulou o seu autor, que na adaptación que está a dirixir XRon para o CDG convértese nunha “traxicomedia de aldea global”.
 
Para tal fin, ademais de cun elenco de nove intérpretes, a compañía pública conta cun nutrido grupo de recoñecidos profesionais galegos en diferentes áreas artísticas. Así, Suso Montero encárgase da escenografía, Mar Fraga do vestiario, Fidel Vázquez da Iluminación, Xacobe Martínez Antelo do espazo sonoro, Quadra Producións/Cuco Pino dos vídeos, Fanny Bello da caracterización, Manuel Cortés da tradución, Rosa Moledo da asesoría lingüística, Arantza Villar da asistencia de dirección e José Díaz da asistencia de produción. Xunto con eles, traballa a diario o equipo habitual da compañía da Xunta de Galicia, encargado dos diferentes aspectos técnicos da posta en escena.
 
A ambientación nun contexto actual non afectará, porén, o espírito crítico e inconformista co que o gran autor arousán concibiu esta obra hai cen anos. O retablo da avaricia, a luxuria e a morte que Valle-Inclán construíu para as súas Divinas palabras manterá a súa crueza nesta nova aproximación escénica, a primeira que se fai en idioma galego.
 
Divinas Palabras Revolution entrou xa no seu último mes de ensaios no Salón Teatro, sede compostelá do Centro Dramático Galego, onde poderá verse do 12 ao 29 de abril con funcións para público xeral e pases matinais concertados con centros escolares. A continuación, a compañía institucional iniciará unha xira ata xullo que, ademais levar a súa nova produción a unha decena de escenarios galegos, inclúe 10 días de representacións no Teatro Español de Madrid durante o mes de maio.

-Divinas Palabras Revolution