Os Premios de Teatro María Casres entréganse o mércores 21 nunha gala que conta co apoio da Agadic

  A compañía Talía conducirá a cerimonia que terá lugar no Teatro Rosalía da Coruña e na que se festexará o corenta aniversario do teatro profesional galego

  A Axencia Galega das Industrias Culturais tamén colabora nas actividades paralelas ao evento a través do CGAI, que o día anterior acollerá a proxección de ‘El testamento de Orfeo’, en homenaxe á actriz que lles dá nome aos galardóns

Os Premios de Teatro María Casres entréganse o mércores 21 nunha gala que conta co apoio da Agadic
[16/03/2018]
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) adiantou hoxe os principais detalles organizativos da gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, para a que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, entre outros apoios.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña volverá ser o escenario da cerimonia de entrega, conducida pola compañía Talía Teatro, que este ano celebra os seus trinta anos de traxectoria, e durante a que se festexará, ademais, o 40º aniversario do teatro profesional galego.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación do evento na Coruña xunto ao alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, e aos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras. Na súa intervención, explicou que a celebración dos Premios María Casares constitúe o foco principal do apoio da Axencia á AAAG como “evento anual que recoñece publicamente toda a creatividade e bo facer dos traballadores e traballadoras da escena”. “Somos conscientes do estímulo que a súa convocatoria supón para a profesión e da visibilidade que, a través destes galardóns, se outorga a todo un ano de labor escénico”, continuou.
 
Sutil destacou, así mesmo, que esta colaboración se estende ás actividades paralelas de difusión dos premios e mais da figura de María Casares, a gran actriz galega que lles dá nome. Así, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Agadic, acollerá na súa sede da Coruña o martes 20, ás 20.30 horas, a proxección da película El testamento de Orfeo, de Jean Cocteu e protagonizada por María Casares. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
 
Nove candidaturas para o CDG
O director da Agadic rematou a súa intervención felicitando publicamente a a Rosa Álvarez, quen recibirá o Premio de Honra Marisa Soto, así como a todos os nomeados e nomeados nesta edición, entre os que se atopan nove dos profesionais do equipo artístico de Martes de Carnaval, produción de 2017 do Centro Dramático Galego (CDG). Este é un dos nove espectáculos que contan con candidaturas nalgunhas das 14 categorías convocadas nesta edición.
 
O nome dos gañadores irase desvelando no transcurso da gala que dirixirá Artur Trillo e para o que contará co elenco de Talía Teatro (Dani Trillo, Marta Lado, Marta Ríos, María Ordóñez, Xurxo Barcala, Toño Casais, Diego Rey e Rubén Prieto) e cos 15 integrantes do Coro Encaixe. O fío condutor será unha viaxe por estes corenta anos de teatro profesional de Galicia desde un punto de vista cómico.
 
-Asociación de Actores e Actrices de Galicia