A Agadic apoia o III Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís que reunirá uns 500 intérpretes

  O director da Axencia e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares asinaron o convenio de colaboración que lle dá continuidade a este certame para propiciar o intercambio entre as novas xeracións de músicos

  O encontro, para o que se abrirá o prazo de inscrición do 2 ao 20 de abril, terá lugar o 8 de xullo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia

 A Agadic apoia o III Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís que reunirá uns 500 intérpretes
[19/03/2018]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) acaban de asinar un convenio de colaboración para a organización, por terceiro ano consecutivo, do Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura será o escenario do certame.

Segundo o documento rubricado por Jacobo Sutil, director da Agadic, e Armando Morales, presidente da FGBMP,  esta iniciativa sitúase no marco de cooperación continuada da Xunta con este colectivo, ao que tamén se apoia no desenvolvemento anual do Certame Galego de Bandas de Música Populares e o Concurso Galego de Composición.
 
No caso do Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís, que terá lugar o vindeiro 8 de xullo coa participación estimada dunha ducia de agrupacións que reunirán preto de 500 intérpretes, o acordo subliña entre os obxectivos do encontro os de potenciar a arte musical entre a poboación máis nova, impulsar a visibilidade das seccións infantís e xuvenís das bandas galegas, fomentar o encontro entre as novas xeracións de intérpretes e crear sinerxías de colaboración entre as agrupacións para enriquecer a formación musical de rapaces e rapazas.
 
A convocatoria desta terceira edición estará aberta do 2 ao 20 de abril, a través do web www.bandas.gal, para todas as seccións infantís e xuvenís das bandas galegas federadas. Tanto a elección das formacións participantes como a orde de actuación determinarase mediante sorteo público entre todas as solicitudes recibidas.
 
A organización prevé a participación no festival de 12 bandas, divididas en tres categorías segundo o seu número de compoñentes, sen contar a dirección: modalidade A, de 15 a 34 intérpretes; B, de 25 a 44; e C, 45 o máis integrantes. Os participantes non poderán superar os 19 anos de idade no día de celebración do evento e deberán estar federados.  
 
-Web da Federación Galega de Bandas de Música Populares