A Agadic sube a 460.000 euros a dotación das axudas a festivais profesionais de artes escénicas e de música

  Supón un incremento do 18 por cento no orzamento reservado a estas subvencións, do que 280.000 euros se destinan aos eventos musicais e 180.000 euros, aos escénicos

  A través desta liña de apoio, a Xunta contribúe á consolidación do mapa galego de festivais, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos

A Agadic sube a 460.000 euros a dotación das axudas a festivais profesionais de artes escénicas e de música
[28/03/2018]
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional cunha dotación de 460.000 euros. Esta cifra, que supón un incremento do 18% (70.000 euros) respecto ao ano pasado, distribuirase en 280.000 para os eventos musicais e 180.000 para os de escena.

A través desta axudas, que poden solicitarse ata o 30 de abril, a Xunta de Galicia contribúe á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, ademais a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.
 
Así, en 2017 cofinanciáronse 20 festivais (11 de música e nove de teatro e danza). En concreto, recibiron subvención o Resurrection Fest de Viveiro, WOS Festival de Santiago, Sinsal Son Estrella Galicia da Illa de San Simón (Redondela), Portamérica de Caldas de Reis, Festival da Luz de Boimorto, SonRías Baixas de Bueu, Cantos na Maré de Pontevedra, Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), FIV de Vilaba, Festival V de Valarés de Ponteceso e Festival de Jazz de Lugo, no apartado de música, e o FIOT de Carballo, Galicreques de Santiago, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, FITO de Ourense, Mostra de Teatro de Cariño, Festival de Títeres de Redondela, Festiclown en Vilagarcía, Corpo(a)terra de Ourense e Festival de Teatro Galego do Carballiño, en artes escénicas.
 
Bases
Segundo as bases que poden consultarse no web do Diario Oficial de Galicia: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG1097-160318-0004_gl.html, son obxecto desta convocatoria os festivais celebrados entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, organizados por entidades privadas ou por administracións locais, cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos.
 
Establécese, así mesmo, que o 40% do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20% da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.
 
Tamén é requisito indispensable que polo menos un 50% dos concertos ou representacións escénicas do programa sexa con entrada de pago, agás no caso dos festivais de artes escénicas de rúa.
 
Sector cultural estratéxico
Este texto fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.
 
As subvencións serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión da que formarán parte expertos independentes.
 
Para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.
 
Festivais de carácter afeccionado
Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca hoxe as subvencións destinadas a organizacións sen ánimo de lucro e concellos ou agrupacións de concellos para os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2018.
 
A contía total destas axudas ascende a 50.000 euros e o prazo para a presentación das solicitudes remata tamén o 30 de abril, segundo as bases que poden consultarse en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG0164-190318-0001_gl.html

[Imaxe: Resurrection Fest de Viveiro. Fonte: www.resurrectionfest.es]