Galicia Escena PRO abre a convocatoria para a selección dos espectáculos que exhibirá do 11 ao 14 de xuño

  A Agadic organiza a sexta edición do mercado galego de artes escénicas co obxectivo de dinamizar a contratación das montaxes producidas na nosa Comunidade de xeito profesional

  Catro espazos de Santiago acollerán o programa de 2018, que incluirá 17 producións galegas, dúas madrileñas en intercambio con MADFeria e unha sesión de 'pitching' de 10 proxectos

Galicia Escena PRO abre a convocatoria para a selección dos espectáculos que exhibirá do 11 ao 14 de xuño
[03/04/2018]
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas que organiza cada ano a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), abrirá desde mañá e ata o 18 de abril a convocatoria para a inscrición de propostas por parte de compañías profesionais galegas de teatro, danza, novo circo e maxia.

Tras a finalización deste prazo, unha comisión artística será a encargada de seleccionar os 17 espectáculos e os 10 proxectos que se presentarán na sexta edición deste encontro profesional, que terá lugar do 11 ao 14 de xuño en Santiago de Compostela. O trámite de inscrición realízase a través do web www.galiciaescenapro.gal.
 
Galicia Escena PRO mantén como prioridade estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais. Ao tempo, incídese na posta en valor e na proxección social da creación galega, da que se exhibirá unha escolma en catro escenarios: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.
 
Profesionais e público xeral
Como en anos anteriores, o mercado abriralle a súa carteleira de espectáculos tanto aos axentes culturais acreditados como ao público non profesional, que poderán gozar de 17 producións galegas recentes ou mesmo en estrea, así como de dous espectáculos madrileños que se presentarán en Galicia grazas ao intercambio establecido entre a Agadic e a organización de MADferia.
 
Así mesmo, os profesionais asistentes –para os que o prazo de inscrición se abrirá a finais deste mes– terán a oportunidade de coñecer de primeira man os novos proxectos nos que traballan dez compañías galegas, que lles serán presentados na xa habitual sesión de pitching.
 
Tanto estas 10 propostas como os devanditos 17 espectáculos galegos serán elixidos por unha comisión artística, que terá o cometido de conformar unha programación variada, equilibrada e de calidade, onde estean recollidas todas as disciplinas escénicas. Poderán optar a esta selección todos os traballos estreados entre xuño de 2017 e xuño de 2018, ademais de montaxes inéditas que acheguen a suficiente información para garantir a súa calidade. Pola súa banda, á sesión de pitching poderán optar proxectos de compañías galegas con data de estrea posterior á celebración de Galicia Escena PRO.
 
A pasada edición deste mercado serviu de escaparate para a compra-venda de producións galegas diante duns 160 axentes culturais, entre os que se atopaban programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras. Ademais, os espectadores non acreditados tiveron a oportunidade de asistir de xeito gratuíto ás 19 funcións programadas (17 galegas e dúas en intercambio con Castela e León) ata completar a capacidade dos espazos.

-Galicia Escena PRO