A cultura galega é protagonista na inauguración do encontro internacional 'Granada Experience'

  O director da Agadic participou hoxe na cidade andaluza na apertura deste evento de música e artes escénicas cunha mesa-coloquio dedicada ao modelo cultural e ao talento galegos

  Xoel López, Eladio y Los Seres Queridos e Novedades Carminha son parte da presenza galega na programación

A cultura galega é protagonista na inauguración do encontro internacional 'Granada Experience'
[11/04/2018]
‘Granada Experience’, encontro internacional de música e artes escénicas, inaugurouse hoxe na cidade andaluza cunha mesa-coloquio titulada 'Galicia, cultura, monumentos, gastronomía. Unha mirada ao modelo cultural e ao talento galego’, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
 

Na actividade, que contou coa presenza de público profesional e de autoridades locais, interveu tamén Kin Martínez, director da produtora galega Esmerarte, e Pepe Rodríguez, da organización de Granada Experience, evento multidisciplar que celebra a súa segunda edición e que aspira a reforzar a candidatura da cidade como capital cultural europea.
 
A cultura galega foi convidada por ser Galicia, segundo os organizadores, unha das Comunidades “máis importantes en canto á achega ao global da escena cultural española” e pola “súa grande actividade cultural tanto no ámbito da música, como no teatro, o cinema ou no turismo cultural e monumental”.
 
Así, ademais ser a protagonista desta xornada, na que o músico Xoel López ofrecerá un concerto ás 21,30 horas na Sala Falla do Palacio de Exposicións e Congresos de Granada, outros grupos galegos como Eladio y Los Seres Queridos ou Novedades Carminha actuarán noutros escenarios do encontro ao longo dos próximos días, e distintos profesionais que traballan no ámbito das industrias culturais galegas participarán en varios paneis temáticos.
 
Cultura de participación
Na súa intervención, o director da Agadic explicou as claves da política cultural da Xunta de Galicia como unha xestión enfocada á máxima participación, tanto dos sectores e profesionais implicados como no acceso social aos produtos e manifestacións culturais, e na que se combina a expresión da cultura viva coa difusión da riqueza patrimonial e natural.
 
Jacobo Sutil detívose especialmente nas actuais liñas de programación de espectáculos e de subvencións da Agadic, así como no plan de internacionalización da industria audiovisual galega. Tamén se referiu ao gran talento dos profesionais galegos de todos os sectores cultuais, así como á celebración de citas culturais de éxito realizadas en Galicia, tanto pola iniciativa privada como pola pública. Destacou, neste sentido, Conecta FICTION, o encontro de profesionais de series de televisión de Europa, América Latina e EE.UU. de fala hispana que levará a cabo a súa segunda edición do 18 ao 21 de xuño en Santiago de Compostela.
 
Avanzou, así mesmo, a planificación cultural cara ao futuro, marcada desde a Xunta de Galicia pola Estratexia 2021, que se acaba de poñer en marcha coa constitución de distintos grupos sectoriais de traballo, así como o horizonte que marca o vindeiro Xacobeo, a celebrar tamén dentro de tres anos.
 
Granada Experience desenvolverase do 11 ao 14 de abril cunha intensa programación que conta coa colaboración do Ayuntamiento de Granada, Diputación Provincial e Junta de Andalucía a partir da organización da promotora Musiserv. Presenta un amplo calendario de actividades profesionais e para todos os públicos, no que destacan as actuacións de Sara Baras, Zenet, Australian Blonde, Histrión Teatro ou Lola Herrera, entre outros.

-Web de Granada Experience