O CDG inicia mañá os Encontros co Público do equipo do espectáculo 'Divinas Palabras Revolution'

  Os espectadores que acudan ás funcións dos xoves no Salón Teatro terán a oportunidade de compartir impresións co elenco da nova montaxe da compañía pública, que se pode ver en Santiago ata o 29 de abril

  Con esta produción, o Centro Dramático Galego puxo en marcha os Domingos de Conciliación para que os nenos e nenas poidan gozar dun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell mentres os seus maiores asisten á representación

O CDG inicia mañá os Encontros co Público do equipo do espectáculo 'Divinas Palabras Revolution'
[18/04/2018]
O CDG retoma as funcións para público xeral da súa nova produción propia, Divinas Palabras Revolution, que pode verse de xoves a domingo, ata o 29 de abril, no Salón Teatro de Santiago. Mañá terá lugar o primeiro dos dous Encontros co Público, durante o que os espectadores que asistentess poderán intercambiar impresións co equipo.

Ademais desta iniciativa, con motivo da estadía de Divinas Palabras Revolution en Santiago o CDG puxo en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo.
 
Esta oferta –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao teléfono 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.
 
Os concursantes da casa
Xron dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da obra Divinas palabras de Valle-Inclán, que lle ofrece ao público unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Así, na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.
 
Os horarios das funcións xerais de Divinas Palabras Revolution son de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, Día do Espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os martes e mércores están a ter lugar os pases matinais concertados con institutos dentro da campaña escolar do espectáculo.
 
As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función.

-Divinas Palabras Revolution no Centro Dramático Galego