As bibliotecas e os museos galegos de xestiˇn autonˇmica melloraron as s˙as cifras de usuarios e visitantes

  O equipo de Cultura, encabezado polo conselleiro, presenta hoxe en rolda de prensa a ôMemoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2017ö

  Román Rodríguez subliña que 2017 significouse no eido da cultura pola chegada a Galicia do Pergamiño Vindel, a recuperación orzamentaria, a axilización na xestión do patrimonio e unha programación cultural de calidade

As bibliotecas e os museos galegos de xestiˇn autonˇmica melloraron as s˙as cifras de usuarios e visitantes
[24/04/2018]
O Centro Galego de Arte Contemporáne (CGAC), en Santiago de Compostela, acolleu hoxe a rolda de prensa de presentación da Memoria de actividades de Cultura da Xunta de Galicia 2017, unha publicación na que se resumen os eixos da actividade cultural realizada ou participada o pasado ano desde a Goberno autonómico.

Unha obra que reflicte a xestión realizada e serve como ferramenta de análise para a mellora da planificación “avaliando ‒en palabras de Román Rodríguez‒o investimento para tratar de maximizar a rendibilidade”, non só económica, senón social, do conxunto da programación da Xunta. Neste sentido, o titular de Cultura fixo alusión á importancia deste traballo “para contextualizar”o deseño da futura Estratexia da Cultura Galega 2021.
 
A memoria dada a coñecer constata incrementos no número de usuarios e melloras nos hábitos culturais no eido das bibliotecas e os museos. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria explicou que os 13 centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura incrementaron en máis dun 12 % o número de visitantes, pasando de 309.644 visitantes en 2016 a 347.510 visitantes en 2017, e destacou a boa saúde da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, nos dous últimos anos dos que están os datos procesados, osusuarios inscritos na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pasaron de 853.876, no 2015, a 918.859 no 2016. Isto supón un incremento dun 7,6 %.
 
O conselleiro explicou que 2017 se caracterizou pola chegada do Pergamiño Vindel, a Galicia, pola consecución dun importante incremento orzamentario, “que se consolida durante este 2018”, pola mellora na axilización da xestión, protección e posta en valor do patrimonio cultural e por unha programación cultural de calidade e netamente galega. Durante 2017, a Axencia Galega das Industrias Culturais, achegoulle ao público 1.815 citas culturais, entre funcións escénicas, concertos e proxeccións cinematográficas. O conxunto das actuacións, que tiveron como protagonista na súa maioría a formacións artísticas galegas de carácter profesional, estendeuse por máis de 100 concellos das catro provincias.
 
Entre as efemérides destacadas a publicación recolle as programacións deseñadas para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado a Carlos Casares; o centenario do pasamento de Eduardo Pondal e Fanny Garrido, ou Día das Artes Galegas, que conmemorou a figura de Maruja Mallo.
 
No acto informativo participaron, ademais do conselleiro, o secretario  xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
 
As liñas de actuación en 11 capítulos
A memoria ofrece o relato das liñas de actuación estruturadas en 11 capítulos e 2 anexos, que inclúen apartados específicos de bibliotecas e promoción lectora, arquivos,  patrimonio cultural, museos, difusión das artes plásticas e visuais, impulso ás artes escénicas, musicais e audiovisuais, e promoción e difusión do libro e da literatura galega. A maiores, inclúe un apartado dedicado á cultura como espazo común, outros dous dedicados á Agadic e á Cidade da Cultura e un capítulo final centrado na proxección exterior da cultura galega. Finalmente, os anexos abordan a estrutura da área de Cultura da Consellería e as principais convocatorias de axudas públicas no ámbito cultural da Xunta de Galicia.
 
Fitos e estratexias para a internacionalización
Román Rodríguez fixo fincapé na posta en marcha dun encontro estratéxico como é Conecta FICTION, o primeiro encontro organizado especificamente para a coprodución de series de televisión entre Europa, Latinoamérica e os Estados Unidos. O evento, que se realizou no mes de xuño en Santiago de Compostela, xerou 110 millóns de euros de negocio potencial a través da presenza de 400 profesionais acreditados procedentes de 20 países e da participación de 35 canles e plataformas de televisión internacionais.
 
Patrimonio dixital e mellora dos servizos bibliotecarios
Anxo Lorenzo puxo en valor o labor menos visible, pero imprescindible para a cultura, levado a cabo a prol da conservación e da dixitalización do patrimonio bibliográfico e documental galego. Así, recordou a posta en marcha en 2017, coa colaboración da Amtega, de Galiciana. Patrimonio Dixital de Galicia, o portal de difusión dos recursos patrimoniais dixitalizados ou nacidos dixitais da cultura galega, que se nutre  de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia e de Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Ademais, o secretario xeral destacou as iniciativas impulsadas para dinamizar o libro e a lectura, xunto coas melloras nos servizos bibliotecarios. Tras a creación do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, no 2017 incorporáronse a el “as primeiras 70 bibliotecas públicas de titularidade municipal, polo que temos agora 113 bibliotecas públicas traballando en rede, que permiten estender o mesmo servizo bibliotecario de calidade aos usuarios de 51 concellos de Galicia a través do carné único e unificar nun só catálogo en liña os seus recursos.
 
Dinamización da lingua propia de Galicia
No tocante ás accións de dinamización da lingua propia de Galicia impulsadas no ano 2017 cómpre destacar as case duascentas promovidas desde a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta ou aquelas encadradas no ámbito educativo, por medio dos equipos de dinamización e dos centros do ensino do galego do exterior (Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos, IE Vicente Cañada Blanch, Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria, Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires ou Proxecto Galauda), que incidiron tamén na proxección internacional do idioma, xa que, todas elas ocuparon boa parte da axenda de traballo da Secretaría Xeral de Política Lingüística durante o período do que dá conta a nova publicación. Para alén delas, a Consellería tamén apoiou outras incluídas nos convenios de colaboración que asinou con entidades, organismos ou institucións e que tiveron como obxectivo a dinamización do galego desde diferentes ámbitos, coma o universitario, o empresarial (en colaboración con Feiraco, Vegalsa-Eroski ou Coca-Cola) ou o asociativo.
 
Un novo marco legal para o patrimonio
Román Rodríguez explicou que no eido do patrimonio foi o ano no que se avanzou máis para combinar a máxima protección do noso patrimonio sobranceiro coa axilidade e a simplificación dos trámites administrativos para a toda cidadanía. Fíxose mediante a habilitación de ferramentas normativas como o protocolo de colaboración coa FEGAMP ou a instrución relativa ao trámite de autorizacións que axilizan o conxunto do sistema.
 
Neste sentido, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, incidiu en que o marco legal desenvolto durante 2017 permite unha xestión do patrimonio “máis áxil, dinámica e eficaz”. En concreto, fixo alusión tanto ao protocolo de colaboración coa FEGAMP para avanzar na habilitación dos concellos galegos e a instrución relativa ao trámite de autorizacións “que vai posibilitar que un mínimo dun 30% das autorizacións que antes tiñan que pasar pola Dirección Xeral do Patrimonio xa non precisen deste trámite”,como a regulación dos consellos territoriais de Patrimonio Cultural de Galicia, do Consello Asesor dos Camiños de Santiago, da Comisión Técnica de Arqueoloxía e da Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica
 
Ademais, no ámbito do patrimonio cultural, déronse pasos importantes na protección e posta en valor de bens sobranceiros, a través da incoación como BIC da Ribeira Sacra na categoría de paisaxe cultural, do impulso da candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas para a súa declaración por parte da UNESCO como patrimonio da humanidade, da que xa se conseguiu a súa inclusión na lista indicativa, ou a inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo do Códice Calixtino.
 
Subvencións ás industrias culturais
O director da Agadic destacou que, en paralelo a toda a actividade de promoción cara aos espectadores a través das súas redes de distribución de espectáculos e de proxeccións audiovisuais, o pasado ano continuouse colaborando con diversas iniciativas culturais organizadas por outras entidades públicas ou privadas. Son os  casos dos proxectos adxudicatarios das nove liñas do programa subvencións ás industrias culturais, dotado en 2017 cun total de 3.985.000 euros. A través del, contribuíuse economicamente coas programacións de 24 festivais de escena, música e cine; con máis de 600 funcións, concertos e accións de promoción da nosa cultura no exterior, así como coa posta en marcha de 36 proxectos audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento e a produción de 31 novos espectáculos. Tamén se cofinanciaron as actividades específicas de cinco salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida.
 
Sobre o labor da Agadic dirixido á internacionalización da cultura galega, Jacobo Sutl subliñou a organización de misións comerciais para a participación da nosa industria audiovisual nas principais feiras mundiais do sector (Clermont-Ferrand, European Film Market, MIPCOM, MIPTV, Marché du Film ou Sunny Side Of The Doc). 
 
Programa expositivo e actividades familiares no Gaiás 
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo destacou o diverso programa expositivo desenvolto no último ano desde a Cidade da Cultura, no que sobresaíron proxectos como Da árbore á cadeira, "que supuxo unha posta en valor do deseño en Galicia e reuniu unha ampla escolla dos nosos mellores arquitectos"; Flor Novoneyra, unha ambiciosa exposición do pintor Antón Lamazares; ou a mostra sobre Camilo José Cela en colaboración coa Biblioteca Nacional. 2017 foi tamén o ano no que "algúns dos proxectos promovidos polo Museo Centro Gaiás seguiron o seu percorrido polo mundo", como a exposición de José Suárez, que despois de pasar por Madrid, Buenos Aires, Montevideo e París, recalou en Toquio, Nova Delhi, Salamanca, e que agora se pode visitar na Coruña, no Museo de Belas Artes da Coruña.
 
Na mesma liña, consolidáronse as actividades para o público familiar na Cidade da Cultura de Galicia –explicou a xerente da Fundación, Ana Isabel Vázquez Reboredo–, con citas moi ben recibidas como Cidade Imaxinaria, Nadal no Gaiás ou o Entroido no Gaiás. En concreto, a Cidade da Cultura organizou durante o pasado ano 156 actividades culturais ás que asistiron 120.418 persoas.
 
O texto completo da Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2017 está accesible en liña para a súa descarga en https://www.cultura.gal/gl/memorias-informes.