Cair Circo abre a carteleira de maio do Salón Teatro co seu espectáculo Erori

  Circo e acrobacias mestúranse coa emoción, o risco e o humor, en busca da sensibilización respecto das condutas contrarias á convivencia

Cair Circo abre a carteleira de maio do Salón Teatro co seu espectáculo Erori
[03/05/2018]
O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), abre a súa carteleira para o mes de maio con Erori, de Cair Circo, un espectáculo de clown e acrobacias para toda a familia, que se representará o sábado 5 de maio ás 20,30 h.

Dirixido por Natalia Outeiro cunha dramaturxia non lineal, en Erori as accións sinxelas e cotiás derivan en coreografías acrobáticas, excéntricas, con continuos golpes e caídas caóticas que contrastan con pezas visuais de danza e malabar. A emoción e o risco súmanse ao humor; e o absurdo, o sinxelo e o universal están presentes nas disparatadas rutinas circenses características da compañía.
 
Catro personaxes aparecen en escena, non falan, están á espera, sorpréndense cando se ven, pero coñécense dende toda a vida. Imítanse, xogan, divírtense todos a unha. Chaman á porta do humor para ridiculizárense, danzan con empurróns e perséguense arriscando a súa vida por un maletín sen sequera saber o seu contido. A proposta busca sensibilizar respecto ás condutas máis habituais contrarias á convivencia e forma parte do programa Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 que promove a Xunta de Galicia. De feito, hoxe e onte realizáronse tamén no Salón Teatro dous pases matinais dirixidos a alumnado de diferentes centros de ensino.
 
Con Arile Azkue, Alejandro Costas, Santiago Montero e Óscar Páez no elenco, o espectáculo conta con escenografía de José Perozo, iluminación de Xacobo Castro e música orixinal de Pablo Prego.
 
As entradas para Erori poden adquirise na propio despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da función. O prezo é de 10 euros, cos descontos habituais.
 
Tras Cair Circo, a programación continuará o 9 de maio cun taller asociado ao espectáculo de danza Directo 9, de Pisando Ovos en coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ao que seguirán catro funcións de 6 cubos negros en corpo branco, de Aporía Escénica, do 10 ao 13 de maio.

-Maís información