A novena edición da Mostra (S8) da Coruña afonda no cine estrutural baixo o título "Lux Algebra"

  O festival adiantou os detalles da programación que desenvolverá do 25 de maio ao 3 de xuño e para a que volve contar co apoio da Consellería de Cultura, a través dunha subvención da Agadic e da colaboración do CGAI

  O Teatro Colón acolle a gala de inauguración, coa proxección de ‘A paixón de Xoana de Arco’, de Dreyer, musicada en directo polo Coro e a Orquestra Gaos a partir da partitura ‘Voices of Light’

A novena edición da Mostra (S8) da Coruña afonda no cine estrutural baixo o título
[08/05/2018]
Lux Algebra é o título da sección central da 9ª edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se desenvolverá do 25 de maio ao 3 de xuño na Coruña co apoio da Agadic. Nela terá un especial protagonismo o cinema estrutural e se exhibirán obras experimentais nas que o tempo, a montaxe e a construción interna dos filmes son determinantes.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o director do festival, Ángel Rueda, na presentación que tivo lugar hoxe no museo Domus da Coruña e que contou tamén coa participación de José Manuel Sande, concelleiro de Culturas da Coruña; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación Provincial; e María Teresa Cores, cordinadora de área de Cultura de AFundación.
 
Na súa intervención, Sutil explicou que, por quinto ano consecutivo, a Consellería de Cultura apoia este encontro “dentro do seu cometido de dinamización do audiovisual galego e como resultado, en concreto, da convocatoria de subvencións da Agadic a festivais audiovisuais”, a través da que en 2018 se distribuíron 140.000 euros entre oito eventos considerados estratéxicos para o audiovisual e a cultura en Galicia.
 
A través destas axudas, sinalou, contribúese a lle dar continuidade a unha serie de certames “ben asentados, con calidade e claridade nos seus contidos e con acerto na súa xestión e comunicación, que constitúen unha parte importantísima do noso sistema audiovisual, determinante para o propio desenvolvemento do sector e para a formación e información do público”.
 
Ópera/oratorio
No caso do (S8), estes obxectivos xerais plásmanse nunha carteleira da que o director da Agadic destacou, entre outros contidos, a gala de inauguración do día 25, na que o Teatro Colón acollerá a ópera/oratorio Voices of Light/A paixón de Xoana de Arco, na que se proxectará a restauración do mítico filme de C.T. Dreyer musicada en directo polo Coro e Orquestra Gaos, baixo a dirección de Fernando Briones, a partir da partitura de Richard Einhorn.
 
O tempo e a estrutura como principios do chamado cinema estrutural conforman un dos eixos desta novena edición, a través dunha das súas figuras claves, o estadounidense Ernie Gehr, abandeirado dun cine que traballa coa mesma natureza do medio e coa entidade propia da imaxe a través dos mecanismos técnicos da cámara, do celuloide, da luz e da percepción ocular. Completan este apartado os traballos de Scott Stark, cuxas películas se constrúen arredor de certas regras de xogo que o cineasta presenta nun traballo tan lúdico como experimental, a sesión Patróns de interferencias, o programa Métrica e rima e a exposición O cine en papel.
 
Sinais no CGAI
O director da Agadic referiuse, así mesmo, á colaboración habitual do CGAI coa mostra (S8), da que nesta edición acollerá 11 sesións. Entre elas, a encadrada dentro de Sinais, sección que este ano se lle dedica á creadora galega María Ruído e que exhibirá na filmoteca galega o seu traballo O ollo imperativo.
 
Tamén volverá ao CGAI a xa tradicional Sinais en curto, que lle ofrece ao público do festival unha escolma das últimas curtametraxes de realizadores galegos ou que traballan en Galicia, como Alberte Pagán, Lara e Noa Castro, Ángel Santos, Helena Girón e Samuel Delgado, e Marcos Pérez e Martin Pawley.
 
En rexistro diferente, o (S8) contará tamén este ano con programas dedicados a Friedl vom Göller, Phil Hoffman, Pablo Mazzolo e Chris Kennedy. Ademais, dedicaráselle un programa especial ao 50 aniversario de Canyon Cinema, mítica cooperativa californiana fundada por cineastas como Bruce Baillie e Chick Strand

-Páxina oficial do (S8)