O Centro Dramático Galego organiza o taller 'A palabra en acción' co especialista Vicente Fuentes do 4 ao 8 de xuño

  O catedrático emérito de Voz e Linguaxe da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid impartirá este curso xunto con Rosa Moledo, colaboradora habitual do CDG e asesora lingüística de ‘Fariña’, entre outros traballos audiovisuais e escénicos

  O obradoiro, para o que está aberto o prazo de solicitude ata o 13 de maio, desenvolverase no Salón Teatro de Santiago

O Centro Dramático Galego organiza o taller 'A palabra en acción' co especialista Vicente Fuentes do 4 ao 8 de xuño
[10/05/2018]
O Centro Dramático Galego organiza o taller A palabra en acción, que será impartido por Vicente Fuentes e Rosa Moledo do 4 ao 8 de xuño na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela. O obradoiro diríxese prioritariamente a profesionais da interpretación interesados en desenvolver unha meirande destreza no manexo da fala escénica.

O prazo de solicitude mantense aberto ata o domingo 13 de maio, seguindo as instrucións que poden consultarse no web www.centrodramatico.gal. O CDG oferta 25 prazas para intérpretes profesionais ou con formación actoral previa, así como a posibilidade de asistir ás clases como ouvintes para estudantes ou profesionais de todos os ámbitos das artes escénicas.
 
A matrícula neste obradoiro, que se desenvolverá en horario de mañá, ten un prezo de 95 euros, cunha tarifa reducida de 60 euros para membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a asociación de Artistas de Circo, estudantes e persoas en situación de desemprego. O prezo para os ouvintes é de 45 euros.
 
Uso eficaz do texto
Vicente Fuentes, catedrático emérito de Voz e Linguaxe da Real Escola Superior de Arte Dramática (RESAD) de Madrid, ofreceralles aos participantes unha serie de exercicios para favorecer un uso máis elocuente, eficaz e virtuoso do texto, baseándose na súa experiencia profesional en centros como a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Teatro de La Abadía ou a propia RESAD.
 
Traballaranse elementos como a conexión entre o impulso e a respiración, a articulación e a entoación, os portadores de sentido, a visualización, as sensacións e os mecanismos de acción-reacción, considerando a palabra como foco de todo o proceso.
 
Vicente Fuentes estará acompañado por Rosa Moledo, en calidade de asesora lingüística en galego. Colaboradora habitual do CDG nesta materia, Moledo é especialista en tradución audiovisual e ten no seu haber numerosos traballos para a televisión e o cine. Tamén desenvolveu actividades relacionadas coa asesoría e supervisión lingüística en sesións de dobraxe, así como na rodaxe de diversos programas de entretemento, series televisivas e longametraxes, como Fariña, Cela 211, Os luns ao sol, A lingua das bolboretas ou O lapis do carpinteiro.
 
A selección dos participantes realizarase a través da análise dos seus currículos, que deberán enviar en prazo ao correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal, xunto co formulario de inscrición. A listaxe provisional das persoas seleccionadas publicarase no web do CDG a partir do luns 21 de maio e a definitiva, a partir do venres 25 de maio.

-Máis información
-Programa e formulario de inscrición