Guadi Galego presenta e debate no CGAI o filme 'A lingua das bolboretas', de José Luis Cuerda

  O pase será mañá ás 18,00 h. como parte de programa Pensando en cine/Pensando en Galicia, no que persoeiros da cultura galega alleos ao cine escollen unha película para presentarlle ao público

  A compositora e cantante lanza hoxe o seu cuarto álbum, ‘Bola de cristal’

Guadi Galego presenta e debate no CGAI o filme 'A lingua das bolboretas', de José Luis Cuerda
[11/05/2018]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acolle mañá a cantante e compositora Guadi Galego para presentar o filme de José Luis Cuerda A lingua das bolboretas. A fita foi escollida pola artista, quen lla presentará ao público e a debaterá xunto con Antón Reixa, no eido do programa Pensando en cine/Pensando en Galicia.
Continúa así este programa, no que persoeiros da cultura galega non vencellados directamente co cine escollen filmes para comentalos cos espectadores. A cita será ás 18,00 h. na sala de proxeccións do CGAI na Coruña, situada na rúa Durán Loriga, e a entrada é gratuíta ata completar a capacidade.
 
Baseado no libro homónimo de Manuel Rivas, A lingua das bolboretas conta a historia de Moncho, un rapaz ilusionado por comezar a escola nunha aldea de Galicia. Fica marabillado co seu mestre (Fernando Fernán Gómez, nunha das interpretacións máis aplaudidas nos últimos anos da súa carreira), co que establece unha estreita  relación, co pano de fondo do estalido da Guerra Civil.
 
Guadi Galego presentará o filme coa saída do seu cuarto álbum ao mercado, que se atopa nas tendas dende hoxe mesmo. Bola de cristal completa unha triloxía baseada no mundo, que se iniciara con Lúas de outubro e agosto (2014) e O mundo está parado (2016), os seus anteriores traballos como solista. Trátase dunha das grandes renovadoras da música tradicional galega, cunha traxectoria intensa e rica, na que destaca ter sido a voz principal e gaiteira da agrupación Berrogüetto. Tamén formou parte como intérprete e compositora de proxectos colectivos como Nordestin@s, Espido e aCadaCanto.
 
O CGAI continuará co seu apoio ao cine propio nos vindeiros días coa acollida na súa sala dos gañadores dos últimos premios Mestre Mateo, que se poderán ver entre o 15 e 18 de maio. Abre o programa Dhogs, a principal vencedora con 13 galardóns, e continúase con outros títulos premiados como Matria, The Neverending Wall, Troubled Times, A batalla descoñecida ou as series Serramoura e Peter Brandon.

[Foto Guadi Galego: Karlos Abal]

-Web do CGAI