O ciclo Cultura no Camiño esténdese a 103 concello das rutas xacobeas cun programa de 342 actuacións

  Esta iniciativa da Xunta conta cun orzamento de 570.600 euros que achegan a Agadic, Turismo de Galicia e os municipios asociados

  Na súa sexta edición, mantén o obxectivo de enriquecer e descentralizar a oferta cultural, ao tempo que se dinamiza a contratación de espectáculos galegos coa participación de 146 compañías escénicas e grupos de música profesionais

 O ciclo Cultura no Camiño esténdese a 103 concello das rutas xacobeas cun programa de 342 actuacións
[24/05/2018]
A Xunta de Galicia organiza por sexto ano consecutivo o ciclo Cultura no Camiño, que se estende ata finais de setembro por 103 concellos das rutas xacobeas cunha programación de 342 citas escénicas e musicais. Esta iniciativa, promovida pola Agadic e Turismo de Galicia, volve contar, ademais, co patrocinio de Gadis.

O programa mantén como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional. De feito, este ano serán 142 as formacións artísticas en cartel, cifra moi superior á das 56 compañías coas que o ciclo botou a andar en 2013. Desde entón tense case duplicado, así mesmo, o número de concellos participantes e cuadruplicado as funcións ofrecidas.
 
Para acadar estes resultados, Cultura no Camiño conta en 2018 cun investimento de 570.600 euros, asumido pola Xunta de Galicia e mais os concellos participantes, que contribúen a costear parte dos cachés artísticos.
 
De abril a setembro
Esta sexta edición, que arrancou a mediados do pasado mes de abril, prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. Todos eles están situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
 
Por provincias, 38 concellos coruñeses acollerán 120 actuacións; en Lugo, 27 concellos ofrecerán 91 citas; 14 concellos de Ourense porán ao dispor do público 52 funcións; e en Pontevedra, 24 concellos programarán un total de 79 representacións.
 
Ademais, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Contraproducións, Ghazafelhos, Guadi Galego, Isabel Risco, Lila Teatro, Mago Teto, Mamá Cabra, Odaiko, Óscar Ibáñez, Pisando Ovos, Pistacatro, Rosa Cedrón, Treixadura, Xarope Tulú ou Xoán Curiel, citando tan só algúns dos 142 grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Serán, en total, 148 representacións de teatro, 92 actuacións musicais, 66 de maxia, 31 de novo circo e 5 de danza. Moitas delas organizaranse en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu labor de dinamización cultural.
 
Nove citas esta semana
De feito, esta semana Cultura no Camiño programa nove citas para público familiar e adulto en oito concellos. A primeira delas tivo lugar este mesmo mediodía no Teatro Elma da Pobra do Caramiñal co espectáculo de teatro infantil Pan con chocolate, de Saleta Fernández. Este mesmo espazo acollerá mañá venres (20,30 h.) Inmedioteces (cousas veredes), de DINAMOteatro.
 
Tamén mañá actuarán Caxoto Contacontos no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, en Teo (19,00 h.), Aldaolado na Casa da Cultura de Neda (20,30 h.) e Isabel Risco no Auditorio Municipal de Catoira (21,30 h.). O sábado será a quenda de Xarope Tulú con María e os ollos alabarados na Biblioteca Municipal de Santa Comba (11,30 h.), Contraproducións con Fillos do sol no Local Cultural de Vilasantar (17,00 h) e Malasombra Producións con Os fabulosos Cleaners no Auditorio Municipal de Chantada (20,00 h.). Pechará a programación desta semana o concerto para público familiar que Os Monifantes ofrecerán en Portas este domingo ás 17,00 h.
 
O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.