Portamérica regresa a Caldas de Reis con 32 grupos en cartel e máis de 25 chefs no ShowRocking

  Imelda May, Vetusta Morla, Izal, La Pegatina, La Habitación Roja e Xoel López encabezan esta sétima edición, que se desenvolve do 5 ao 7 de xullo e, por segundo ano consecutivo, se integra no CulturaQuente

  O encontro que organiza Esmerarte vén sendo un dos adxudicatarios das convocatorias de subvencións da Agadic a festivais de música dos últimos anos

Portamérica regresa a Caldas de Reis con 32 grupos en cartel e máis de 25 chefs no ShowRocking
[29/05/2018]
O festival de música e gastronomía PortAmérica presentou hoxe en Pontevedra a programación completa da súa sétima edición, na que regresa á carballeira de Caldas de Reis por segundo ano consecutivo. O evento desenvolverse do 5 ao 7 de xullo con 32 grupos e artistas en cartel, ademais de contar con máis de 25 chefs para o seu ShowRocking gastronómico.

O programa foi detallado en rolda de prensa por Kin Martínez e Carlos Rodríguez, director e subdirector do festival e de Esmerarte, a empresa galega que o promove, xunto con representantes das institucións e firmas comerciais que o apoian. Tamén participou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que vén subvencionando a celebración de PortAmérica nos últimos anos a través do programa de axudas a festivais galegos de música e artes escénicas, convocatoria dotada en 2018 con 460.000 euros e actualmente en proceso de resolución.
 
Como explicou o director da Agadic, mediante esta liña de subvencións a Xunta apoia unha serie de citas musicais que, ademais das súas atractivas e completas carteleiras, constitúen “verdadeiros motores de dinamización económica e social, non só para a industria musical galega, senón tamén para o turismo e para o desenvolvemento local”.
 
Música e gastronomía
En canto á programación desta sétima edición de PortAmérica, o responsable da Agadic valorou a calidade do seu deseño arredor da combinación entre música e gastronomía como elemento diferencial. O festival ocupará a carballeira de Caldas e a zona fluvial anexa, onde se desenvolverá de xeito respectuoso co medio e integrado no CulturaQuente, outro dos proxectos culturais auspiciados por Esmerarte.
 
O encontro reunirá moi coñecidos nomes do panorama musical español e internacional, como Imelda May, Vetusta Morla, Izal, La Pegatina, La Habitación Roja e Xoel López, e afondará un ano máis na súa condición de ponte cultural entre Europa e América.
 
Así mesmo, a gastronomía continúa a ter un gran protagonismo a través do espazo ShowRocking Guía Repsol, polo que o festival galego obtivo o Premio Fest á mellor zona de restauración en 2017 e 2015. Liderado por Pepe Solla, neste espazo traballarán máis de 25 cociñeiros e cociñeiras chegados de diferentes puntos da península ibérica e América Latina que suman máis de 30 Soles Repsol.
 
O Mercado de Talentos, que amosará traballos de novos creadores e deseñadores, a zona especial de acampada ou o ciclo de debates arredor do medio ambiente e da gastronomía son outros dos eixos identificadores de PortAmérica que se manteñen nesta edición.
 
Os distintos tipos de abonos e entradas están dispoñibles a través dos webs www.portamerica.es e www.ticketea.com. Este ano reafírmase, ademais, o compromiso deste evento coa iniciativa Unha entrada, unha árbore, adquirido nas xornadas sobre medio ambiente da pasada edición. Así, pola compra do seu billete, os asistentes poderán participar nunhas xornadas de reforestación con especies autóctonas que serán organizadas polo festival.

-Web Portamérica 2018