A Agadic apoia o Museo do Pobo Galego na organización da XIII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

  O encontro, que se desenvolverá do 4 ao 10 de xuño en Santiago, súmase este ano por vez primeira á listaxe de eventos subvencionados a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais

  Conta tamén coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe e do Centro Dramático Galego

 A Agadic apoia o Museo do Pobo Galego na organización da XIII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
[31/05/2018]
O Museo do Pobo Galego fixo pública hoxe a carteleira completa da XIII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 4 ao 10 de xuño. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é unha das entidades colaboradoras deste evento.

A MICE súmase este ano por primeira vez á listaxe de festivais audiovisuais adxudicatarios das axudas convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Así o explicou Jacobo Sutil, director da Agadic, durante a súa intervención nesta presentación xunto con Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Concha Losada, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, e Ana Estévez, directora da MICE.
 
Filmes galegos
Sutil salientou como valores desta mostra internacional a súa especialización en producións de corte etnográfico, “un paso máis alá do cine documental, que incide na visualización da relación humana cos territorios, cos seus costumes, e coa idiosincrasia de cada pobo”. Neste sentido, fixo referencia a algunhas das fitas galegas que se poderán ver nesta edición como “mostra do plus diferencial deste tipo de cinema, que nos sitúa como un sistema audiovisual propio no panorama global”: Trinta lumes, de Diana Toucedo; Os fillos da vide, de Ana Domínguez; Nocturno: fantasmas de mar en porto, de Álvaro F. Pulpeiro; Contrafaces, de Fon Cortizo, ou as curtas Cruz Piñón e Fisterra, carne de safari, entre otras.
 
Fixo fincapé, igualmente, na calidade da carteleira deste ano, que inclúe estreas absolutas en Galicia e mesmo en España, así como na súa programación paralela, con exposicións, o obradoiro para público familiar A miña primeira película, colaboracións e intercambios con outras entidades como o festival oscense Espiello, e mesas redondas como as que protagonizarán as creadoras galegas Xisela Franco, Ana Domínguez e Ángeles Huerta xunto á castelá Mercedes Álvarez.
 
O apoio da Agadic á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico materialízase tamén a través da colaboración que lle prestan dous dos seus centros adscritos: o Centro Galego de Artes das Imaxe, que lle facilita a copia dalgúns filmes e outros aspectos técnicos, e o Centro Dramático Galego, que cede o Salón Teatro como unha das sedes desta décimo terceira edición da MICE xunto co Museo do Pobo Galego e o Teatro Principal.

-Mostra Internacional de Cinema Etnográfico no web do Museo do Pobo Galego