A Agadic incrementa ata 240.000 euros a dotación de axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais

  Con esta convocatoria de subvencións, que poden solicitarse ata o 28 de xuño, cofinánciase a preprodución de longas de cinema e de produtos televisivos

  O seu orzamento aumenta un 20% respecto a 2017, mantendo así a liña ascendente que vén experimentando nos últimos cinco ano

A Agadic incrementa ata 240.000 euros a dotación de axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais
[01/06/2018]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de abrir a convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega. A súa dotación é de 240.000 euros, contía que supón un incremento do 20% respecto a 2017 e lle dá continuidade á tendencia ascendente dos últimos cinco anos.

Enmarcada no programa de axudas públicas da Xunta ao sector audiovisual galego, esta liña de apoio diríxese especificamente a favorecer a posta en marcha de novas longametraxes cinematográficas e de produtos televisivos, cofinanciando os traballos previos ao proceso de produción.
 
A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude manterase aberto ata o 28 de xuño, a Agadic acompaña as produtoras independentes galegas desde o mesmo momento en que comezan a preprodución dos seus próximos traballos, nas seguintes modalidades: longas, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
 
Cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria nun máximo de dúas propostas, cubrindo ata un 75% do orzamento subvencionable sobre o total de cada unha. Deste xeito, búscase facilitar que as produtoras poidan desenvolver varios proxectos á vez.   Xa cara á súa posterior rodaxe, posprodución e chegada ás pantallas, nos anos seguintes estes mesmos títulos poderán presentarse ás subvencións da Xunta para produción e coprodución audiovisual, así como a outros fondos estatais e europeos.
 
En 2017, 10 produtoras resultaron adxudicatarias destas axudas para 11 proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, dúas longametraxes e miniseries de ficción para televisión e unha serie de animación.
 
No Diario Oficial de Galicia poden consultarse tanto as bases da convocatoria de 2018 como unha corrección de erros.