A Xunta pon Galicia no foco da industria televisiva de 17 países coa segunda edición de Conecta FICTION e o seu novo festival de series

  O evento, que terá lugar en Santiago do 18 ao 21 de xuño, incrementa ata 400 o número de inscricións de profesionais de Europa e América na procura de contactos e acordos no ámbito da ficción para televisión

  O conselleiro de Cultura presentou hoxe as liñas programáticas do encontro, que congregará representantes de 35 canles internacionais como HBO, Netflix, RAI, Telemundo, Fox, Canal Arte, Disney, Atresmedia, Mediaset ou RTVE

  Entre as novidades deste ano, destaca a creación da mostra de series Conecta FICTION FEST, que nesta ocasión estará dedicada á produción de Movistar +

A Xunta pon Galicia no foco da industria televisiva de 17 países coa segunda edición de Conecta FICTION e o seu novo festival de series
[04/06/2018]
Galicia volverá ser o punto de encontro da industria televisiva de Europa e América durante Conecta FICTION, evento internacional dedicado á coprodución de series e miniseries que desenvolverá a súa segunda edición en Santiago do 18 ao 21 de xuño. Xunta, ICEX e  Fundación SGAE promoven a iniciativa, que incrementou ata 400 as súas acreditacións.

Procedentes de 17 países, desprazaranse ata Compostela representantes de 35 canles internacionais de televisión, así como de produtoras, distribuidoras, plataformas de OTT, creadores ou guionistas, entre outros profesionais na procura de contactos e acordos de coprodución no ámbito da ficción televisiva. Aquí daranse cita marcas tan coñecidas como Amazon Prime Video, Canal Arte, Boomerang TV, BTF Media, Caracol TV, Disney Media, Fox, HBO Latin America, RAI, TV Azteca, TELEFE/Viacom ou ZDF, ademais de RTVE, Atresmedia, Mediaset, Movistar+, Grupo Secuoya e TVG.
 
Gran parte da actividade diúrna de Conecta FICTION 2 desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, que hoxe acolleu a presentación do programa e das principais novidades deste ano por parte do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director da Área de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Augusto Álvarez-Borrás; e a directora do encontro, Géraldine Gonard.
 
Aposta internacional para o audiovisual galego
Interviñeron tamén os representantes doutras das entidades colaboradoras (Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago de Compostela; o director do Centro Territorial de TVE-Galicia, Rafael Cid; e Fran Araújo, responsable de Contidos de Produción Orixinal de Movistar TV), así como Mamen Quintas, de Ficción Producciones, e Paula Cons, de Agallas Films, responsables de cadanseu proxecto seleccionado para os pitching de Conecta FICTION. No caso de Ficción, o seu proxecto de serie Una casa en amargura obtivo un dos contratos de desenvolvemento de TVE tras a súa presentación no pitch de coprodución internacional na pasada edición do evento, mentres que Oro negro, de Paula Cons, é un dos sete títulos seleccionados este ano para o Pitch SGAE.
 
Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que a aposta da Xunta por este importante encontro internacional ten como obxectivo principal “situar o audiovisual galego no contexto internacional e fomentar a obtención de negocio e de novas audiencias máis alá das nosas fronteiras”.
 
O conselleiro lembrou algunhas das cifras obtidas na primeira edición do evento (uns 110 millóns de euros de negocio potencial, mías de 300 profesionais acreditados, máis de 2.500 reunións en axendas individualizadas, ampla cobertura pola prensa internacional...) para avanzar as expectativas de Conecta FICTION 2, que xa superou os resultados do ano pasado en canto ao número de acreditacións, proxectos presentados e variedade da programación.
 
Esta segunda edición inaugurarase o luns 18, ás 19,30 h., no Auditorio Abanca cunha gala na que actuará Xabier Díaz e se estreará a serie dixital Limbo, da plataforma Playz de RTVE.
 
Sesións de pitching
Como o ano anterior, o eixo central da programación son as sesións de pitching para poñer en contacto os ámbitos da creación e da produción na procura de impulsar o talento. En 2018, amplíanse a cinco estas plataformas para a presentación de proxectos: Pitch Copro Series, cunha selección de 10 títulos na busca de socios con perfil internacional; Pitch SGAE, como escaparate para sete proxectos procedentes do Laboratorio de Creación de Series de Televisión da Fundación SGAE; Pitch Digiseries, onde se defenderán cinco ficcións en formato dixital para as novas plataformas e dispositivos; Pitch Clip, centrado en seis obras orixinais gravadas e contadas en pantalla polos seus creadores, todos eles asociados de ALMA Sindicato de Guionistas e do Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales (FAGA); e Pitch Branded Content, de carácter publicitario e para a que se conta co patrocinio de Estrella Galicia.
 
Xunto con Oro negro, de Paula Cons, a comedia Y sin embargo amigas, de Ladybug Films, e outro dos títulos galegos seleccionados, neste caso para o Pitch Digiseries.
 
Festival de series
Aínda que o programa de Conecta FICTION é eminentemente profesional, con paneis, casos de estudo, master class, networking e reunións personalizadas a través do apartado Caixa de Ficción, a organización comparte co público galego o potencial da industria televisiva a través de varias actividades, entre as que este ano destaca a posta en marcha do Conecta Fiction FEST, que se celebrará o 21 e 22 de xuño no Auditorio Abanca e no Teatro Principal. Na súa primeira edición, o festival centrarase na produción de Movistar +, ofrecendo en primicia algunhas das próximas estreas da plataforma. Todas as proxeccións serán de acceso libre, previa inscrición no web www.conectafictionfest.com.
 
Outra das novidades é a participación de Alemaña e Colombia como países de honor desta edición, que lle prestará unha especial atención ás series producidas nestes países, ademais de promover reunións das súas respectivas delegacións con produtoras do Clúster Audiovisual Galego.

-Dossier de prensa

-Conecta FICTION