O ciclo Cultura no Camiño chega este fin de semana a Ames co jazz de Pablo Castaño Quartet e Sumrrá

  Actúan o sábado 9 no Pazo da Peregrina dentro deste programa, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración con 103 concellos das rutas xacobeas

  A carteleira neste municipio tamén inclúe o espectáculo ‘Ciganî’ de Antón Coucheiro o 13 de xullo na Travesía do Porto e o concerto de A Banda da Loba o 20 de xullo en Ponte Maceira

O ciclo Cultura no Camiño chega este fin de semana a Ames co jazz de Pablo Castaño Quartet e Sumrrá
[07/06/2018]
A sexta edición de Cultura no Camiño, promovida pola Xunta en colaboración con 103 concellos, chega este sábado a Ames cos concertos de Pablo Castaño Quartet e Sumrrá no Pazo da Peregrina. O programa, organizado pola Agadic e Turismo de Galicia, conta co patrocinio de Gadis para desenvolver 342 citas escénicas e musicais ata o 30 de setembro.

No caso de Ames, esta carteleira inclúe catro actuacións. As dúas primeiras son as de Pablo Castaño Quartet e Sumrrá, programadas respectivamente para as 21,00 h. e as 22,00 h. deste sábado, ás que seguirán a representación do espectáculo Ciganî, de Antón Coucheiro, o 13 de xullo na Travesía do Porto e o concerto de A Banda da Loba o 20 de xullo en Ponte Maceira.
 
O saxofonista Pablo Castaño presentará ao vivo e en formato de cuarteto jazzístico A-la-láa, o seu novo traballo discográfico. Tras máis de 20 discos editados, este é o primeiro que lanza co se nome, así como a súa primeira aproximación á música tradicional galega, tomando como punto de partida os cantos libres populares, como os alalás ou as coplas.
 
O sábado tamén se subirá ao escenario do Pazo da Peregrina Sumrrá, banda de referencia no jazz contemporáneo, tanto dentro como fóra de Galicia, con máis de 17 anos de traxectoria e cinco traballos publicados.
 
Na súa cita co público de Ames, presentará o seu novo proxecto, 6 mulleres, que ten programado o seu lanzamento discográfico para o 13 de xullo. Nel, o grupo réndelles homenaxe ás artistas e activistas Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Qui Jin, Malala Yousafzai e Nawal El Saadawi, considerándoas motor do cambio e fonte de inspiración na loita da humanidade por un futuro mellor.

[Na imaxe, os integrantes do grupo Sumrrá]

-Programación Cultura no Camiño