A Xunta apoia a 34ª MIT de Ribadavia como mostra de referencia para os profesionais e o público do teatro en Galicia

  A Agadic contribúe economicamente ao encontro, que dará comezo o 14 de xullo coa estrea da nova montaxe de ‘Commedia, un xoguete para Goldoni’, un dos espectáculos de máis éxito na historia do teatro profesional galego

  Presentouse hoxe o seu programa completo, no que espectáculos procedentes de Italia, Portugal, México, Reino Unido e Uruguai comparten cartel con propostas galegas e do resto de España

A Xunta apoia a 34ª MIT de Ribadavia como mostra de referencia para os profesionais e o público do teatro en Galicia
[15/06/2018]
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou hoxe a programación da súa 34ª edición, que terá lugar do 14 ao 22 de xullo coa participación de compañías de Italia, Portugal, México, Reino Unido e Uruguai, ademais de galegas e do resto de España, e a presenza de recoñecidos nomes como Pippo Delbono ou Laila Ripoll.

A Consellería de Cultura e Educación colabora un ano máis coa organización do encontro a través do apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que recoñece deste xeito o valor da MIT como mostra de referencia no sistema teatral galego. Así foi definida por Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación desta nova edición, celebrada na sede da cooperativba Viña Costeira e na que tamén interviñeron o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez; e o director da MIT, Roberto Pascual.
 
25º aniversario de Commedia
Sutil fixo especial fincapé na estrea coa que botará a andar a mostra o 14 de xullo no Auditorio do Castelo: Commedia, un xogete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito da historia do teatro profesional galego, que a compañía Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos. A súa nova montaxe conta tamén co apoio da Xunta como unha das 30 propostas galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic á produción escénica.
 
Con Commedia, un xoguete para Goldoniesbózase a commedia dell’arte como un dos elementos condutores da programación, que sigue apostando igualmente pola creación contemporánea internacional coa presenza de Pippo Delbono (Italia), Marianella Morena (Uruguai), Projecto EZ (Portugal), Los Colochos (México) e Blind Summit Theatre (Reino Unido). Tamén se poderán ver en Ribadavia espectáculos procedentes de Valencia (Emportats, de La Trocola), Estremadura (Musicoloco, de Fuman Artist), Madrid (Donde el bosque se espesa, de Micomicón, e Malabreikers coa súa peza homónima), Castela-A Mancha (Tebas Land, de Euroscena), Cataluña (Ragazzo, de Teatre Tot Terreny), Andalucía (Rojo estándar, de La Nórdika) ou Asturias (El mundo por montera, de Rodrigo Cuevas).
 
Ademais de por Contraproducións, a escena galega tamén estará representada nesta carteleira por A Panadaría, IO Circo, Cristina Collazo e Banda A Lira de Ribadavia, e Inventi Teatro.
 
Na programación desta 34ª edición tamén terán tamén especial protagonismo as actividades paralelas, que combinan os ámbitos pedagóxico, experiencial e artítisco, como os obradoiros ofrecidos pola directora e dramaturga Laila Ripoll ou as charlas e encontros sobre a profesión do escenógrafo a partir da exposición que albergará a igrexa da Madalena.

-MIT Ribadavia