Conecta FICTION instálase na Cidade da Cultura cunha xornada centrada na presentación de 31 novos proxectos televisivos

  Os gañadores, que se darán a coñecer esta noite, obterán un contrato de desenvolvemento con patrocinadores como Movistar+ ou RTVE

  Mañá terán lugar as presentacións de ‘Hierro’, thriller dirixido por Jorge Coira, e de ‘O sabor das margaridas’, o último dos creadores de ‘Serramoura’

Conecta FICTION instálase na Cidade da Cultura cunha xornada centrada na presentación de 31 novos proxectos televisivos
[19/06/2018]
A Cidade da Cultura acolle a partir de hoxe a segunda edición de Conecta FICTION, nunha xornada marcada pola  presentación dos 31 proxectos televisivos nas cinco sesións de pitching organizadas no marco deste encontro de produción internacional promovido pola Xunta de Galicia, ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE.
 

Diante dun importante grupo de produtores e responsables de televisións de 20 países de Europa e América, creadores e produtores desvelaron os detalles de todas estas futuras series e miniseries. Contan, grazas a este evento, con atopar socios para coproducir as súas ficcións, así como canles nas que exhibilas. Dúas das seleccionadas para estespitching son de produción galega: Oro negro, dirixido por Paula Cons (Agallas Films) e Y sin embargo amigas, comedia de Diana López Varela presentada por Ladybug.
 
De entre estes proxectos, varios serán premiados cun contrato de desenvolvemento que ofrecen patrocinadores como Movistar+ ou RTVE, asegurando que os galardoados poidan ver a luz. Os seleccionados daranse a coñecer esta noite nunha gala que terá lugar no Auditorio Abanca ás 20,00 h.
 
Tamén música e neurociencia
Xusto despois desta entrega de premios, ás 22,00 h., a Sala Capitol acollerá ás 22,00 horas un directo de Mordem, novo proxecto musical de Elba Fernández (que antes se presentaba como Jane Joyd). A artista compón a banda sonora de Hierro, thriller que dirixe Jorge Coira nas illas Canarias con Candela Peña á cabeza do elenco, e que presenta mañá un caso de estudo sobre o estado da produción, agora xa rodada logo de presentarse en Conecta FICTION como proxecto o pasado ano.
 
Unha das novidades este ano nas actividades da xornada foi a presentación in situ por parte da empresa Sociograph dos seus estudos de marketing baseados na neurociencia. A firma está especializada en cuantificar a efectividade da comunicación cun modelo neurocientífico propio e unha tecnoloxía pioneira capaz de medir de xeito grupal o impacto do contido a través da resposta fisiolóxica da pel. Durante Conecta FICTION están a poñer o seu método a proba, presentándoo en directo e facendo partícipe ao público, sobre o que se mediron estes estímulos.
 
Participación galega nos casos de estudo
A xornada de mañá mércores presenta unha ampla actividade profesional, na que haberá participación galega en tres Casos de estudo, un dos apartados do programa. Así, ás 9,30 horas, a protagonista volverá ser Hierro, coprodución hispano francesa actualmente en rodaxe na que participa a produtora galega Portocabo.
 
Unha presentación similar terá o novo thriller da TVG O sabor das margaridas, feito polo mesmo equipo que a popular Serramoura. Serie policial protagonizada por María Mera e pola gañadora do Goya á actriz revelación Nerea Barros, narra a investigación en arredor dunha moza desaparecida nunha pequena vila galega por parte da garda civil Rosa Vargas. Será ás 12,15 h.
 
Xa pola tarde, a partir das 17,00 h, debullarase Vivir sin permiso, serie producida por Mediaset España, rodada en Galicia e na que participa a galega Ficción Produccións.

-Web de Conecta FICTION
-Web de Conecta FICTION FEST