Román Rodríguez ve o Conecta FICTION como un punto de encontro da ficción televisiva e unha aposta decidida polo sector

  O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pechou o acto de inauguración do evento recordando que Galicia é “un lugar excepcional para rodar” e que conta con “profesionais extraordinarios e preparados para calquera tipo de proxecto”

  Conecta FICTION reunirá na Cidade da Cultura esta semana a 500 profesionais de 20 países, procurando fomentar a coprodución de series de televisión entre Galicia e territorios de todo o mundo

Román Rodríguez ve o Conecta FICTION como un punto de encontro da ficción televisiva e unha aposta decidida polo sector
[18/06/2018]
Conecta FICTION, evento promovido pola Xunta de Galicia, ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE por segundo ano consecutivo en Santiago de Compostela, arrancou hoxe cun acto no Auditorio Abanca, presentado pola actriz María Mera, amenizado pola música do Xabier Díaz Trío.

Durante a gala puido verse, así mesmo, a estrea da serie Limbo, a nova produción de RTVE con Ingrid García-Jonsson e Eloy Azorín como protagonistas.
 
Conecta FICTION reunirá esta semana a 500 profesionais acreditados, chegados de 20 países, co obxectivo de fomentar a coprodución de series de televisión a nivel internacional. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou na gala de apertura os valores do evento como “punto de encontro para a ficción televisiva” e como unha “aposta decidida polo sector audiovisual”, especialmente o galego.
 
Galicia conta, en palabras do conselleiro, cunha “industria audiovisual consolidada e en constante crecemento”, que pode achegar “profesionais extraordinarios, preparados para calquera tipo de proxecto”.
 
Neste sentido, quixo tamén salientar a potencia da Comunidade como plató de rodaxe, con “magníficas paisaxes naturais e urbanas e un patrimonio excepcional”. Así, o triplo obxectivo de Conecta FICTION é “tender pontes entre territorios, atraer e exportar talento e fomentar a creación de contidos de calidade”.
 
Galicia, punteira na ficción televisiva
Con ao redor dun centena de proxectos a presentar, premios ao desenvolvemento, participación das principais canles de televisión a nivel internacional (Netflix, Movistar, HBO ou Amazon, entre elas) e as máis de mil reunións de traballo, mesas redondas, conferencias e obradoiros a desenvolver na Cidade da Cultura nos próximos días, este “gran evento aspira a converterse en imprescindible no circuíto internacional”, engadiu.
 
Con varios proxectos galegos destacados que participan en Conecta FICTION, mañá martes será a quenda de Oro negro, dirixida pola galega Paula Cons, sobre a extracción de volframio por parte dos nazis na Segunda Guerra Mundial; e Y sin embargo amigas, comedia sobre a crise persoal de varias mulleres na trintena producida pola produtora galega Ladybug.
 
As dúas participan en dúas das cinco sesións de pitching que teñen lugar no evento, das que sairán varios proxectos premiados, co desenvolvemento asegurado grazas ao investimento económico de patrocinadores como Movistar, RTVE ou a SGAE.
 
Os proxectos seleccionados coñeceranse mañá, nunha gala de entrega de premios que terá lugar ás 20,00 h. no Auditorio Abanca. Con anterioridade, no programa a desenvolver durante todo o día na da Cidade da Cultura de Galicia terán lugar importantes citas profesionais, tales como unha masterclass a cargo de Javier Olivares, showrunner de Globomedia-Mediapro, unha demostración aplicada de neurociencia a cargo da empresa especializada Sociograph, a presentación do fondo mexicano de financiamento VCS Capital ou a proxección da serie Señor Ávila, de HBO Latin America.
 
A actividade completa do evento pode consultarse nas páxinas web www.conectafiction.com e www.conectafictionfest.com.