A Mostra de Teatro de Cariño celebra os seus 40 anos de compromiso coa difusión dos espectáculos galegos

  O director da Agadic participou na presentación desta nova edición do encontro, que desenvolverá unha vintena de citas culturais do 11 ao 17 de agosto

  A Xunta vén colaborando nos últimos anos con esta iniciativa a través da liña de subvencións a festivais de artes escénicas, da que nos vindeiros días se publicará a resolución da convocatoria de 2018

A Mostra de Teatro de Cariño celebra os seus 40 anos de compromiso coa difusión dos espectáculos galegos
[03/07/2018]
A Mostra de Teatro Galego de Cariño anunciou hoxe na Coruña a programación que desenvolverá do 11 ao 17 do vindeiro mes de  agosto para conmemorar os seus 40 anos de traxectoria, celebración que confirma este encontro como decano na difusión dos espectáculos producidos en Galicia.

Na importancia deste aniversario fixo fincapé o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a súa intervención na presentación do programa da edición de 2018, na que participou xunto ao alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
 
Para o responsable da Agadic, a de Cariño e outras mostras pioneiras, como a de Cangas e Ribadavia, “conforman uns sólidos piares sobre os que se asentou o noso teatro e a súa relación co público ao longo das últimas décadas”. “Neste sentido, hai que recoñecerlle a esta mostra a súa aposta sempre clara polo teatro do país, poñendo á disposición dos nosos profesionais unha plataforma de difusión consolidada e de calidade, cunha clara tendencia nas últimas edicións cara ás propostas dirixidas ao público infantil”, continuou.
 
Esta cuadraxésima edición ofreceralles aos espectadores unha vintena de citas culturais, entre as que se atopan as propostas teatrais e circenses de 10 compañías galegas (Natalia Outeiro “Pajarito”, Culturactiva, Contraproducións, Baobab Teatro, A Panadaría, Trompicallo, Mofa e Befa, Ghazafellos Teatro, Redrum Teatro e Chévere), dúas portuguesas (Partículas Elementares e Godot), unha de Castela e León (Cirk About It), unha vasca (Shakti Olaizola) e unha belga (Okidok), ademais de dous concertos (Ukestra do Medio e María Fumaça) e un obradoiro de circo para toda a familia.
 
Esta aposta pola produción galega é, en palabras de Sutil, un dos motivos polos que a Xunta cofinancia nos últimos anos a Mostra de Teatro Galego de Cariño a través da convocatoria anual de subvencións da Agadic a festivais de artes escénicas e musicais, da que –anunciou– se publicará nos vindeiros días a súa resolución para 2018.

-Mostra de Teatro Galego de Cariño