A Xunta cofinancia a organización de oito mostras galegas de artes escénicas con 180.000 euros en axudas

  A Agadic publica no seu web a adxudicación das subvencións de 2018 a este tipo de encontros, convocadas xunto coas de festivais de música actualmente en trámite de resolución

  O FIOT de Carballo, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Galicreques de Santiago, o FITO de Ourense, a Mostra de Cariño, o Festiclown de Vilagarcía, o Núbebes de Pontevedra e o Festival de Títeres de Redondela son os eventos apoiados

A Xunta cofinancia a organización de oito mostras galegas de artes escénicas con 180.000 euros en axudas
[04/07/2018]
Oito mostras de teatro son as beneficiarias este ano da convocatoria de subvencións da Xunta a festivais de artes escénicas, segundo a resolución publicada hoxe neste web. A través dela, achéganse 180.000 euros á organización destes encontros, a meirande parte deles cunha longa traxectoria a prol da difusión teatral en Galicia.

Os beneficiarios deste ano son o 27º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, con 50.000 euros; a 35ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, con 39.405 euros; o 22º Festival Internacional Galicreques de Santiago, con 26.471 euros; o 11º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 24.445 euros; a 40ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, con 14.759 euros; o 5º Festiclown de Vilagarcía de Arousa, o 6º Festival das Núbebes de Pontevedra, con 6.369 euros; e o 19º Festival Internacional de Títeres de Redondela, con 5.763 euros. 
 
A Agadic convoca cada ano estas axudas xunto ás destinadas a festivais de música, que se atopan nestes momentos en trámite de resolución. A dotación global deste ano é de 460.000 euros, dos que 280.000 se reservan para os eventos musicais.  
 
Puideron optar a esta liña de subvencións os encontros celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018. A través dela, a Xunta busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.
 
De feito, as bases facían especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

[Imaxe: Prolight. Fonte: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas]