A marca Fest Galicia estréase en Portamérica cun programa de accións divulgativas e coa medición do impacto do festival

  O conselleiro de Cultura e Educación visitou esta tarde o stand desta marca da Xunta, que busca promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social

  Xunto con esta cita, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival son os 10 eventos adheridos a este proxecto

  No encontro de Caldas estanse a desenvolver diferentes accións de divulgación coordinadas entre os departamentos autonómicos de Cultura, Política Lingüística, Medio Ambiente, Igualdade e Xuventude

A marca Fest Galicia estréase en Portamérica cun programa de accións divulgativas e coa medición do impacto do festival
[06/07/2018]
O festival PortAmérica abre o calendario de accións da primeira temporada de FEST Galicia, a marca da Xunta que busca promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. Arranca así este novo programa de apoio, que se desenvolverá nos 10 festivais galegos adheridos.

Neles, levunha serie de actividades de divulgación, sensibilización e medición do impacto que o retorno destes eventos produza, coordinadas entre diferentes departamentos do Goberno autonómico, como Cultura, Política Lingüística, Medio Ambiente, Igualdade e Xuventude.

No caso de PortAmérica,  estas iniciativas -coordinadas entre diferentes departamentos do Goberno autonómico, como Cultura, Política Lingüística, Medio Ambiente, Igualdade e Xuventude- estanse a desenvolver xa por todo o recinto, co stand da marca como epicentro, onde o equipo de FEST Galicia recibiu esta tarde a visita do Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
 
Sumar estratexias
Esta nova marca, que bota a andar tras meses de traballo xunto ao sector dos festivais de música, está impulsada pola Consellería de Cultura, a través da Agadic, como un proxecto transversal da Xunta cos 10 eventos asociados na primeira convocatoria: ademais de PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival.O obxectivo é sumar estratexias que reforcen o apoio que xa se lle está brindando a este tipo de encontros mediante a convocatoria anual de subvencións, dotadas con 280.000 euros en 2018.
 
Ao igual que sucede na cita de Caldas, FEST Galicia terá presenza nos devanditos festivais a través dun espazo propio de promoción da marca, así como de divulgación e coordinación de campañas e actividades adaptadas especificamente a cada un dos evento. No caso de PortAmérica, o stand atópase na entrada do recinto da carballeira de Caldas, á carón do río Umia.
 
Desde aquí e en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, puxéronse a disposición do festival monitores e monitoras especializados en eventos sostibles para desenvolver accións de concienciación. Ademais, xestionouse a través de Ecoembes o servizo de contedores para a recollida e reciclaxe de residuos. Así mesmo, a marca dálle soporte ao servizo de autobuses do encontro, reforzando a aposta polo transporte público como mellor opción de mobilidade para acudir a estas citas.
 
Campaña O galego crea ambiente
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora con FEST Galicia a través da campaña O galego crea ambiente, creada especificamente para promover entre o público destes festivais o valor da lingua galega como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura e o medio ambiente. Por iso, transmite esta dobre mensaxe, convidando a mocidade a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo, ademais, en galego. En PortAmérica, púxose en marcha hoxe a primeira das accións coas que a Xunta busca a participación da propia xente nova no proceso de elaboración do que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega na mocidade nos stands de sete dos FEST Galicia. O encargado de dinamizar estas accións é o cómico Víctor Grande, mediante a recollida de opinións e propostas de accións, gravación de vídeos selfies cos que logo se crearán pezas de difusión na rede.
 
Tamén pensando na mocidade, estase a promover entre os asistentes o Carné Xove, ademais doutros programas que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 
O ámbito da igualdade centra outras importantes liñas de traballo de FEST Galicia, que apoia tanto os carteis artísticos con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo. Co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade, desenvólvense diferentes accións enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual, que ten como prioridade que as mulleres estean seguras en grandes eventos. Neste mesmo sentido incidiuse na charla celebrada o pasado martes en Pontevedra, en colaboración con PortAmérica e dentro do seu ciclo Conversas, na que participaron Aldara Martínez, Marta Ramos e Uxía Vila, do colectivo A Curuxa.
 
Estudos de impacto
En canto ás industrias culturais, PortAmérica é un dos cinco eventos FEST Galicia, xunto co Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas e Revenidas, nos que a Agadic realizará estudos de impacto para obter datos sobre o seu retorno directo, indirecto e inducido.Das medicións encárgase un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove.
 
A elaboración dos estudos levará parella a redacción un manual de boas prácticas, que abranguerá os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc. e, en estreita relación con esta medida, o desenvolvemento a medio prazo dun selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade.
 
Ademais da súa presenza nestes dez festivais, a Xunta promove esta marca dentro e fóra de Galicia a través dun plan de comunicación con iniciativas a curto, medio e longo prazo, como a realización de presentacións conxuntas. A posta en marcha de FEST Galicia implica, asemade, o inicio dos traballos cara á elaboración dun plan estratéxico para este importante sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes.

-FEST Galicia
-PortAmérica