O ciclo 'Cultura no Camiño' ofrece en Pontevedra unha semana de espectáculos na rúa para o público familiar

  A praza do Teucro será o escenario de seis actuacións do 9 ao 14 de xullo como parte da programación organizada en colaboración co Concello pontevedrés e outros 102 municipios das rutas xacobeas

  Ghazafelhos, Trotaventos, Culturactiva, Barafunda Teatro, Expresión Producións e Baobab Teatro son as compañías galegas que dan forma a este cartel

O ciclo 'Cultura no Camiño' ofrece en Pontevedra unha semana de espectáculos na rúa para o público familiar
[07/07/2018]
Cultura no Camiño chega a Pontevedra con seis actuacións de música, maxia e teatro para público familiar, que arranca o luns co espectáculo Bon appétit, de Ghazafelhos. O de Pontevedra é un dos 103 concellos das rutas xacobeas que colaboran co programa, organizado pola Agadic e Turismo de Galicia co patrocinio de Gadis.

A praza do Teucro será o escenario destes seis espectáculos, que terán lugar de luns a sábado, ás 19,30 h. Tras a proposta de teatro xestual con monicreques e música de Ghazafelhos, Cultura no Camiño programa o martes 10 o concerto do grupo Trotaventos, que ofrece en directo os temas do seu libro-disco A fiestra dos soños.

O mércores 11, Culturactiva presentará Saaabor!, unha proposta cómica para todos os públicos que mestura música, maxia e humor, mentres que a maxia chegará a Pontevedra o xoves 13 de xuño da man de Barafunda Teatro.

Por último, na fin de semana será a quenda de Expresión Producións co espectáculo teatral Limpiadores o venres 13 e de Baobab Teatro coa montaxe de monicreques Baila, Roque, Baila o sábado 14.
 
Produción galega
A Xunta organiza este ciclo por sexto ano consecutivo, mantendo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional.

A edición de 2018, que arrancou a mediados do pasado mes de abril, desenvolverá 342 citas culturais ata o 30 de setembro, coincidindo co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo tamén a intensificar o programa turístico dos concellos participantes, todos eles situados nalgunha das rutas polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.

O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.

[Na imaxe, 'Bon Appétit, da compañía Ghazafelhos]