Uxía e Rodrigo Romaní actúan esta semana no Festival de Lorient co apoio da Xunta

  A Agadic subvenciona parte dos gastos da súa viaxe á localidade bretoa a través da convocatoria de axudas á distribución para as industrias culturais

  Anxo Lorenzo, Pepe Vaamonde, Xesús Rodríguez, Raquel Vilas, Manuel Seoane, Diego Prieto, a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte, o grupo de baile Saiñas de Xove e o cuarteto Sementeira tamén forman parte da delegación galega

  O director da Agadic reuniuse cos organizadores do histórico encontro intercéltico para avanzar na posibilidade de que Galicia sexa o territorio convidado en 2019

Uxía e Rodrigo Romaní actúan esta semana no Festival de Lorient co apoio da Xunta
[07/08/2018]
Uxía e Rodrígo Romaní actúan esta semana no Festival Intercéltico de Lorient, encabezando a ampla delegación galega que desde o pasado día 3 participa neste histórico encontro da cultura celta. Os dous contan co apoio da Xunta a través das subvencións a distribución da Agadic, que cofinancia parte dos gastos da súa viaxe a esta localidade bretoa.

Ata alí desprazouse tamén Jacobo Sutil, director da Agadic, para avanzar xunto coa organización do festival na posibilidade de que Galicia sexa o territorio convidado na edición de 2019.
 
Uxía subirase este xoves ao escenario do Theâtre de Lorient para presentar o seu traballo Uxía-o, o seu persoal tributo á obra de Uxío Novoneyra. Farao acompañada por unha banda de luxo integrada por Quim Farinha (violín), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Bluenn Le Friec (arpa), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Sérgio Tannus (director musical).
 
Pola súa banda, Rodrigo Romaní actuará o sábado á noite na gran gala da arpa celta que terá lugar no Palacio de Congresos, onde esa mesma mañá ofrecerá unha master class. No seu concerto, interpretará os temas de Fíos de ouro no ar xunto a Beatriz Martínez (arpa) e Xulia Feixóo (percusión).
 
Axudas á actividades de distribución
A Agadic colabora na participación de ambos artistas galegos neste festival mediante a súa convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais, que este ano contou cunha dotación de 450.000 euros coa que deu resposta a 136 solicitudes para a realización de actuacións escénicas, concertos e accións promocionais da cultura galega en todo o mundo.
 
No caso do Festival de Lorient, a representación galega esténdese a case todos os escenarios, incluíndo o seu Gran Desfile das Nacións Celtas, no que o pasado domingo participaron a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte e o grupo de baile Saiñas de Xove.
 
Así mesmo, o 33 Trofeo Mac Crimmon de Gaita peninsular contou con catro solistas galegos: Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas. Esta gaiteira de Teo acadou a puntuación máis alta xunto ao asturiano Javier Menéndez, quen obtivo o galardón por ser o de menor idade dos dous.
 
Hoxe mesmo, tocará no Quai de la Bregtane o gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo, mentres que Pepe Vaamonde foi o encargado de impartir unha master class de gaita o pasado sábado. Pola súa banda, o cuarteto Sementeira actuará dentro do programa de música sacra.
 
Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade.
 
Na imaxe, Uxía. Fotografía: Miguel Muñiz

-Web do Festival Intercéltico de Lorient
-Facebook da Delegación galega do Festival de Lorient