Sarabela Teatro estrea 'Celebración. A gran noite' cunha axuda á produción escénica da Agadic

  A compañía presenta o seu último espectáculo este xoves 20 e o venres 21 no Auditorio Municipal de Ourense

  Dani Salgado dirixe a posta en escena dun texto de Fernando Dacosta, quen forma parte do elenco xunto con Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago e Elena Seijo

Sarabela Teatro estrea 'Celebración. A gran noite' cunha axuda á produción escénica da Agadic
[18/09/2018]
O Auditorio Municipal de Ourense acolle este xoves 20 e o venres 21 a estrea de Celebración. A gran noite, espectáculo co que Sarabela Teatro leva a escena un texto de Fernando Dacosta baixo a  dirección do vigués Dani Salgado. A montaxe materializa un dos 30 proxectos subvencionados este ano pola Xunta de Galicia a través da Agadic.

Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando Dacosta interpretan a nova proposta da compañía ourensá, na que se verán os deseños de José Faro (escenografía), Baltasar Patiño (iluminación), Ruth Pereira (vestiario) ou Raquel F. Fidalgo (maquillaxe e caracterización).
 
Celebración. A gran noite parte da obra do dramaturgo francés Jean-Luc Lagarce, que aborda a exclusión e a necesidade de pertenza como eixos temáticos. O espectáculo, que fai o número 52 na traxectoria da compañía, discorre entre situacións que explotan a comicidade e o patetismo, para provocar a emoción dos espectadores a través dunha trama argumental de vertixe, desencadeada tralo convite a unha gran festa.
 
Fernando Dacosta e Dani Salgado explicaron hoxe as liñas mestras da montaxe na Casa do Concello de Ourense, nunha rolda de prensa que estivo presidida polo alcalde Jesús Vázquez e na que tamén participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura Belén Iglesias.
 
Compañía polivalente
Na súa intervención, o director da Agadic tivo palabras de recoñecemento para Sarabela, compañía á que se referiu como unha das máis activas e prolíficas de Galicia. “A polivalencia dos seus membros, que combinan roles de interpretación, de xestión ou de dirección escénica nas distintas montaxes que manteñen de xeito simultáneo, proban cada nova temporada que, ademais de ser un dos nosos colectivos teatrais máis senlleiros, Sarabela continúa con todas as ferramentas e toda a capacidade para seguir a liderar esta posición relevante ano tras ano”, expresou.
 
Jacobo Sutil especificou o apoio económico co que a Consellería de Cultura e Educación achega a Celebración. A gran noite. Son preto de 41.000 euros para contribuír ao financiamento desta proposta, adxudicataria das subvencións da Agadic na modalidade de espectáculos de teatro e danza de mediano formato.
 
Neste sentido, lembrou o traballo doutra compañía galega que conta con apoio a través desta liña de axudas, Redrum Teatro, que precisamente estreará tamén no Auditorio Municipal de Ourense Contos do recreo o domingo 23 de setembro, polo que aproveitou para destacar o labor deste escenario na súa implicación coa difusión dos espectáculos creados polos profesionais galegos.

-Sarabela Teatro