O festival das Núbebes de Pontevedra súmase este ano ás mostras escénicas subvencionadas pola Agadic

  Jacobo Sutil asistiu esta tarde á inauguración deste encontro para bebés e familias, que programará unha vintena de actividades nas dúas vindeiras fins de semana

  É un dos oito eventos entre os que se se distribuíron os 180.000 euros cos que se dotou a convocatoria de axudas para os festivais profesionais de artes escénicas

O festival das Núbebes de Pontevedra súmase este ano ás mostras escénicas subvencionadas pola Agadic
[21/09/2018]
O director da Agadic asistiu esta tarde en Pontevedra ao espectáculo de inauguración do Festival das Núbebes, que ofrecerá unha vintena de actividades para bebés e familias. Nesta sexta edición, o encontro incorpórase á listaxe de eventos subvencionados pola Xunta a través das axudas a festivais profesionais de escena.

A Agadic achega 6.369 euros á organización deste evento, promovido polo Concello de Pontevedra, como un dos oito encontros subvencionados este ano a través desta liña de apoio para mostras escénicas, dotada con 180.000 euros.
 
Teatro, contos, música, danza e obradoiros
Tras o espectáculo inaugural, protagonizado polo monicreque Roque –un dos personaxes creados por Baobab Teatro– xunto a outros artistas convidados, o festival ofrecerá nas dúas vindeiras fins de semana (días 22, 23, 29 e 30) unha completa programación de teatro, contos, música, danza e obradoiros para bebés e as súas familias. O obxectivo é achegar os máis pequenos da casa á arte desde idades moi temperás.
 
De feito, este é o primeiro festival galego dirixido especificamente a bebés, que naceu para lle dar resposta á cada vez maior demanda de actividades para estas franxas de idade, amosando cada ano en Pontevedra unha escolma de propostas lúdicas e espectáculos teatrais producidos tanto dentro como fóra de Galicia para gozar e interactuar en familia.
 
A venda de entradas xa está operativa no web de Ticketea e nos horarios habituais do despacho de billetes do Teatro Principal, onde se poderán retirar tamén os convites para as actividades gratuítas.
 
-Facebook do festival