O festival PortAmérica xera un impacto de máis de 1,3 millóns de euros en Caldas de Reis e toda a comarca

  O retorno do investimento da Xunta neste evento a través da liña de subvencións da Agadic a festivais de música sitúase entre os 38,6 e os 47,9 € por cada euro

  Hoxe presentouse o informe de avaliación do seu impacto, promovido pola Axencia Galegas das Industrias Culturais en colaboración coa Universidade de Santiago e como parte das accións de FEST Galicia

  A sétima edición do encontro rexistrou máis de 23.000 visitas e unha ocupación media superior ao 91%, así como unha valoración xeral de 8,1 sobre 10

 O festival PortAmérica xera un impacto de máis de 1,3 millóns de euros en Caldas de Reis e toda a comarca
[26/09/2018]
O festival de música PortAmérica xerou máis de 1,3 millóns de euros de impacto económico na localidade pontevedresa de Caldas de Reis e en toda a súa comarca, así como unha valoración xeral de 8,1 sobre 10 por parte do público que asistiu á súa sétima edición, celebrada entre os días 5 e 7 do pasado mes de xullo.

Estes son algúns dos datos recollidos no informe de avaliación da repercusión económica, social e mediática do encontro, elaborado ao abeiro da marca FEST Galicia, iniciativa da Xunta para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
 
Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), foi o encargado da realización deste estudo, que presentaron hoxe na Casa das Campás Jacobo Sutil, director da Agadic; Kin Martínez, director de EsmerArte, empresa organizadora de PortAmérica; e Fran Núñez, codirector deste traballo, no que se manexaron tanto os datos obtidos a partir de 1.717 enquisas directas a asistentes como as cifras facilitadas polo propio festival.
 
Nos seus tres días de celebración, a carballeira de Caldas rexistrou unha ocupación media superior ao 91% e máis de 23.000 visitas, das que un 8% procedían de fóra de Galicia. En canto ao retorno económico de 1,3 millóns de euros na comarca, esta cifra ten en conta a suma dos impactos directo, indirecto e inducido. Así mesmo, o gasto medio por persoa e día estímase –sen incluír transporte– nuns 50 euros, do que un 20% repercute directamente na área de influencia de PortAmérica.
 
Retorno do investimento público
Jacobo Sutil fixo fincapé nas destacadas marxes de retorno deste impacto económico, que se sitúan entre 1,65 e 2,08 euros por cada euro investido polo festival. Explicou, ademais, que estas cifras increméntase no caso da achega da Xunta a través das subvencións da Agadic a festivais profesionais de música, situándose entre 38,6 e 47,92 euros por cada euro dos preto de 40.000 adxudicados a PortAmérica. Nas súas palabras, este dato é especialmente relevante, xa que reflicte unha “excelente optimización do investimento público”.
 
 
Para o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, tamén resulta relevante analizar o perfil de asistente máis común (muller, de entre 25 a 34 anos), que entronca co traballo que, tanto FEST Galicia como a organización do festival, veñen desenvolvendo a prol dunha programación con perspectiva de xénero e da incorporación de mulleres nos postos de responsabilidade e técnicos.
 
A moi positiva valoración do público, que lle outorga a esta sétima edición unha nota de 8,1 sobre 10, é outro dos datos salientables deste informe. Así, na puntuación dos servizos superan o 8,5 a súa localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o sistema de compra de entradas. Estas elevadas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (9,12) e a súa imaxe (8,62), atrae turismo (8,82) e xera impacto económico (8,96) e orgullo local (8,49).
 
Na presentación tamén se explicou o exhaustivo e rigoroso sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado este mesmo ano pola Agadic. Xunto co PortAmérica, empregarase tamén para medir o impacto doutros catro festivais dos 10 adheridos este ano a FEST Galicia: Sinsal, Resurrection Fest, SonRías Baixas e Revenidas.
 
En PortAmérica, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado á carballeira de Caldas, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron diferentes campañas de concienciación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dando así conta da transversalidade desta iniciativa da Xunta.
 
Medidas a medio prazo
Como adiantou Sutil, a elaboración deste informe é o punto de partida para o deseño de novas medidas que redunden nos valores que FEST Galicia promove, como é o caso daredacción dun manual de boas prácticas para os eventos asociados, que abranguerá os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc.
 
En estreita relación con esta medida, a medio prazo desenvolverase un selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos festivais musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade. Así mesmo, será de moita utilidade no inicio dos traballos cara á elaboración dun plan estratéxico para este importante sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes.
 
-PortAmérica
-FestGalicia