A gaiteira Susana Seivane presenta e debate co público do CGAI o filme 'Crebinsky'

  O pase será mañá ás 18,00 h. como parte de programa Pensando en cine/Pensando en Galicia, no que figuras da cultura galega alleas ao cine escollen unha película para compartila cos asistentes

 A gaiteira Susana Seivane presenta e debate co público do CGAI o filme 'Crebinsky'
[28/09/2018]
O CGAI  recibe mañá a gaiteira Susana Seivane para presentar o filme Crebinsky. A fita foi escollida pola artista, quen lla presentará ao público e a debaterá xunto con Antón Reixa, no eido do programa Pensando en cine/Pensando en Galicia, no que figuras da cultura galega non vencellados directamente co cine escollen filmes para comentalos.

Por esta sección, de programación bimestral, xa pasaron con anterioridade a vocalista Guadi Galego, a poeta Yolanda Castaño ou o músico Julián Hernández. A nova cita será mañá ás 18,00 h. na sala de proxeccións do CGAI na Coruña, situada na rúa Durán Loriga, e a entrada é gratuíta ata completar a capacidade do espazo.
 
Crebinskyestá dirixida por Henrique Otero e producida en 2011 por ZircoZine, Control Z e Chévere Visión. Conta a historia de dous irmás interpretados por Miguel de Lira (Feodor) e Segio Zearreta (Mijail), aos que as chuvias torrenciais arrastran cando son cativos, xunto coa súa vaca Muchka, a un lugar perdido da costa. Illados do mundo e dos acontecementos bélicos que os rodean, medran ao pé dun faro e sobreviven de recoller as cousas que trae o mar, as “crebas”. Alí crean o seu propio mundo: un universo particular de realismo fantasioso. O ritmo cotián de convivencia coa vaca vese alterado cando esta desaparece. É entón cando os irmáns inician unha busca desesperada que os levará da costa cara ao interior, e na que se atoparán con nazis, falanxistas e soldados ianquis.

Susana Seivane (Barcelona, 1976) é herdeira dunha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Presentará Crebinsky no CGAI poucos días despois do lanzamento de FA, o seunovo traballo que sae á luz tras oito anos de silencio discográfico, un longo período que lle serviu de inspiración para a composición deste seu quinto álbum. FA (Fiz e Antón) é unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal.

O CGAI continuará en outubro co seu programa de proxeccións, centrado no ciclo Espectros de Europa e na retrospectiva dedicada ao centenario de Ingmar Bergman.

-Web do CGAI