Novas
O encontro internacional EAVE Producers Workshop abre o prazo para a inscrición de profesionais do audiovisual galego



[01/10/2018]
O programa formativo EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs) e a Agadic colaboran para abrirlle aos profesionais e estudantes do audiovisual de Galicia parte do programa do prestixioso curso internacional EAVE Producers Workshop, que celebrará a súa última terceira e última cita de 2018 en Santiago do 22 ao 29 de outubro.As persoas vinculadas ao sector en Galicia poderán asistir ás sete sesión plenarias deste encontro, de xeito gratuíto e previo rexistro ata o vindeiro xoves 4 no correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal. A difusión, o storytelling nos novos medios, a relación entre a produción e a dirección nun filme, as implicacións financeiras do cambio dixital ou os aspectos legais da coprodución son algúns dos temas que se abordarán nestas xornadas.
Esta é unha das vías mediante a que o EAVE Producers Workshop se abre á participación galega, en paralelo ao programa específico para o medio centenar de produtores de 36 países que asiste ao curso este ano.
Taller local
O acordo entre a Agadic e a entidade luxemburguesa promotora inclúe, ademais, a organización dun taller local, para o que xa foron seleccionados oito profesionais galegos tras unha convocatoria pública. A listaxe de participantes está dispoñible para a súa consulta na sección de avisos do web http://www.agadic.gal.
A través de ambas vías, a que será a última residencia de 2018 do EAVE Producers Workshop, despois das xa celebradas en Luxemburgo e Noruega, permitiralles aos integrantes da industria audiovisual galega entrar en contacto directo cos 50 produtores internacionais participantes nesta edición e mais co equipo pedagóxico.
Fundado en 1988, o EAVE está considerado como o principal programa de capacitación e desenvolvemento de produtores audiovisuais en Europa. Nos últimos anos, ampliou as súas oportunidades de formación con novas alianzas en América Latina e Asia. O Producers Workshop é o seu programa estrela, por ser un dos máis relevantes e de maior éxito para a coprodución internacional a nivel europeo. Moitos dos seus proxectos acadan bos resultados en recadación, vendas, distribución e presenza en festivais cinematográficos de primeira liña, e os premios máis importantes do mundo contan con títulos impulsados polo alumnado do EAVE.
-EAVE