Pisando Ovos estrea en Vigo o espectáculo de danza 'Directo 9' en coprodución coa Agadic

  Dirixido por Rut Balbís e interpretado por Fran Martínez, Jas Processor, Raúl Pulido e Laura Villanueva, poderá verse desde mañá e ata o día 6 no Teatro Ensalle

  Coa música electrónica ao vivo como fío condutor, a montaxe busca ofrecerlles aos espectadores unha experiencia grupal a través da vibración dos seus corpos

Pisando Ovos estrea en Vigo o espectáculo de danza 'Directo 9' en coprodución coa Agadic
[02/10/2018]
Pisando Ovos estrea mañá mércores en Vigo o seu novo espectáculo de danza, Directo 9, realizado co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) desenvolve mediante o Centro Coreográfico Galego.
Como compañía residente do Teatro Ensalle, este será o escenario das primeiras funcións da montaxe, que terán lugar mañá e o xoves , ás 21,00 h., e o venres mais o sábado, ás 22,00.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou hoxe a directora de Pisando Ovos e creadora de Directo 9, Rut Balbís, e aos seus intérpretes (o DJ Jas Processor e os bailaríns Fran Martínez, Raúl Pulido e Laura Villaneva) na presentación desta estrea, na que participou tamén Raquel Hernández, directora artística de Teatro Ensalle.
 
Sutil explicou que esta é unha das tres propostas seleccionadas para se desenvolver este ano en réxime de coprodución coa Agadic, que neste caso achega un investimento de 20.000 euros. O trío complétase con Corps Sonore, que Sólodos estreou o pasado mes de xuño en Ourense, e Pink Unicorns, que La Macana presentou xa en Alemaña e levará á Coruña o vindeiro 20 de outubro. “Todas elas son pezas contemporáneas, que apostan polas novas linguaxes escénicas desde moi diferentes puntos de vista e que, sen dúbida, veñen a enriquecer enormemente o noso panorama cultural no eido da danza”, engadiu.
 
Música electrónica e desgaste físico
Directo 9 é o noveno espectáculo de Pisando Ovos, que vén completar a súa triloxía arredor da música electrónica e do desgaste físico dos corpos en directo, dentro da que xa levou a escena Que volvan as flores (2014) e Give it a Spin (2015). Nesta ocasión, o obxectivo é que os espectadores que asistan a esta particular sesión de DJ e danza se sintan partícipes unha experiencia conxunta a través da vibración dos seus corpos.
 
Para esta proposta, a compañía preséntase cunha formación renovada, que aposta por unha nova xeración de bailaríns e artistas, ao tempo que volve contar con Afonso Castro na iluminación, Manu Lago na produción e distribución, ademais de con Janet Novás como axudante de dirección.
 
Na súa intervención, Jacobo Sutil enmarcou o programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego na serie de actuacións que está a promover a Agadic co fin de oferecerlle un apoio adicional á danza para incrementar o seu contacto co público. É o caso da súa promoción a través dos diferentes circuítos escénico-musicais xestionados pola Axencia ou dos cambios nas bases da última convocatoria de subvencións á produción escénica, a través da que este ano se garantiu a montaxe doutros dous espectáculos coreográficos: Alma, de Duelirium e Traspediante, e A gala, de Licenciada Sotelo.
 
Neste mesmo sentido, subliñou o labor a prol deste tipo de proxectos por parte de Teatro Ensalle, que xustamente hoxe cumpre 15 anos de funcionamento. A Agadic vén colaborando habitualmente coa sala viguesa financiando a súa carteleira como integrante da Rede Galega de Salas e apoiando, así mesmo, o seu programa de residencias artísticas, ademais de a través da súa convocatoria de subvencións a salas privadas e á produción escénica.
 
-Pisando Ovos
-Teatro Ensalle