O Revenidas de Vilaxoán xera un impacto económico de 711.000 euros na comarca de Arousa segundo o estudo de FEST Galicia

  Hoxe presentáronse os resultados do informe de avaliación impulsado pola Agadic, en colaboración coa Universidade de Santiago, como parte das accións desenvolvidas baixo a nova marca da Xunta para promover Galicia como destino musical

  A 15ª edición do encontro rexistrou máis de 10.300 visitas durante os seus tres días de celebración, así como unha valoración xeral de 8,2 sobre 10

  O retorno da achega autonómica a través da convocatoria de subvencións a festivais de música sitúase entre 26,22 e 31 euros por cada euro investido

O Revenidas de Vilaxoán xera un impacto económico de 711.000 euros na comarca de Arousa segundo o estudo de FEST Galicia
[08/10/2018]
O festival Revenidas de Vilaxoán xerou un impacto económico de 711.000 euros en Vilagarcía de Arousa e a súa comarca, así como unha valoración xeral de 8,2 sobre 10 por parte do público que asistiu á súa 15ª edición. Estes son algúns dos datos recollidos no estudo de avaliación da repercusión do encontro, elaborado ao abeiro da marca FEST Galicia.

Esta última é unha iniciativa posta en marcha este ano pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
 
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) promoveu a realización deste estudo, do que se encargou un equipo de traballo da Universidade de Santiago (USC). Os seus resultados, obtidos a partir de 1.230 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival, foron presentados hoxe por Jacobo Sutil, director da Agadic; Sonia Outón, concelleira de Cultura de Vilagarcía; Xoán Quintáns, director do Revenidas; e Fran Núñez, codirector deste traballo.
 
Nos seus tres días de celebración, o recinto do parque Dona Concha de Vilaxoán rexistrou máis de 10.300 visitas, das que un 14% procedían de fóra de Galicia. Así mesmo, o gasto medio por persoa e día estímase –sen incluír transporte– en 46,37 euros, do que un 28% repercute directamente na área de Arousa.
 
Retorno do investimento autonómico
Como no caso dos estudos realizados e xa presentados sobre PortAmérica, Sinsal Son Estrella Galicia e SonRías Baixas, Jacobo Sutil fixo fincapé nas marxes de retorno do impacto económico, que aquí se sitúan entre 2,94 e 3,48 euros por cada euro investido polo festival. Explicou, ademais, que estas cifras increméntanse, ademais de dar conta da excelente optimización do investimento público, no caso da achega da Xunta a través da convocatoria de subvencións da Agadic a festivais profesionais de música, situándose entre 26,22 e 31 euros por cada euro dos 21.676 adxudicados en 2018 a Revenidas.
 
 
Taménresulta relevante analizar o perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 25 a 34 anos, con estudos universitarios e traballadora por conta allea), que entronca co traballo que, tanto FEST Galicia como a organización do festival, veñen desenvolvendo a prol dunha programación con perspectiva de xénero e da incorporación de mulleres nos postos de responsabilidade e técnicos.
 
A moi positiva valoración do público, que lle outorga a esta décimo quinta edición unha nota de 8,2 sobre 10, é outro dos datos salientables deste informe. Así, na puntuación dos servizos superan os oito puntos a súa localización e integración na contorna, a puntualidade dos eventos, o trato do persoal, a sensación de seguridade e os horarios. Estas elevadas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (9,12) e a súa imaxe (8,45), atrae turismo (8,55), xera impacto económico (8,78) e orgullo local (8,49).
 
Na presentación tamén se explicou o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado este mesmo ano pola Agadic. Xunto co de Vilaxoán, empregouse tamén para medir o impacto doutros catro eventos dos 10 adheridos a FEST Galicia: PortAmérica, Sinsal, Resurrection Fest e SonRías Baixas.
 
No Revenidas, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado ao festival, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron diferentes campañas de concienciación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dando así conta do carácter transversal desta iniciativa, que botou a andar o pasado mes de xuño tras meses de traballo xunto ao sector.
 
FEST Galicia patrocinou, así mesmo, un dos escenarios do festival e mais as pulseiras cashless que incorporou este ano para controlar o acceso ao recinto e para pagar nos puntos de comida, bebida e merchandising, ademais dun dos escenarios do evento.
 
Manual de boas prácticas
Sutil incidiu en que a elaboración deste informe está a ser o punto de partida para o deseño de novas medidas que redunden nos valores que FEST Galicia promove, como é o caso do inicio dos traballos cara á redacción dun manual boas prácticas para os eventos asociados, tal e como foi anunciado a pasada semana.
 
En estreita relación con esta medida, a medio prazo desenvolverase un selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos festivais musicais galegos organizados con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade.

-Revenidas
-FEST Galicia