Galicia Importa ofrece en Lugo o primeiro concerto galego do guitarrista Broadbent en colaboración coa Agadic

  O ‘bluesman’ británico, aclamado como “o novo mestre da slide guitar”, tocará o domingo 28 de outubro, ás 19,00 h., no Centro Cultural do Vello Cárcere

  A promotora Sweet Nocturna organiza este ciclo, que rematará a súa edición de 2018 coa actuación do contrabaixista Ron Carter en Ourense o 10 de novembro

Galicia Importa ofrece en Lugo o primeiro concerto galego do guitarrista Broadbent en colaboración coa Agadic
[17/10/2018]
O ciclo Galicia Importa entra na recta final da súa edición de 2018, dentro da que o domingo 28 tocará en Lugo o guitarrista británico Jack Broadbent, na que será a súa primeira actuación na nosa Comunidade. Este será, ademais, o penúltimo dos cinco concertos incluídos no cartel deste ano, que supuxo o regreso aos escenarios desta iniciativa musical organizada pola promotora Sweet Nocturna en colaboración coa Agadic.

A actuación do contrabaixista de jazz Ron Carter en Ourense o 10 de novembro servirá de colofón a esta nova entrega do ciclo, dentro da que tamén visitaron Galicia o músico israelí Asaf Avidan, a lendaria Ronnie Spector e da banda estadounidense Mercury Rev.
 
Así o detallou Jacobo Sutil, director da Agadic, durante a presentación da cita lucense de Galicia Importa 2018, na que tamén interviñeron Carmen Basadre, concelleira de Cultura do Concello de Lugo, que colabora na organización deste recital, e Raquel Seijo e David Lago, de Sweet Nocturna. O acto tivo lugar no Centro Cultural Vello Cárcere, que será así mesmo o escenario do concerto de Jack Broadbent o día 28, ás 19,00 h, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
 
Sutil explicou que este ano Galicia Importa mantén o obxectivo co que se puxera en marcha en 2008 para achegarlle ao público galego os directos de destacados nomes da música nun formato especial e máis próximo aos espectadores. Trátase dunha proposta diferenciada e alternativa a eventos musicais de carácter máis masivo, ao tempo que aposta pola descentralización e a desestacionalización dos eventos.
 
Para o director da Agadic, trátase ademais dun “magnífico complemento” á ampla e intensa programación que a Axencia promove a través de diferentes vías e que se traduce cada ano en máis de 1800 citas culturais de todos os xéneros e, na meirande parte dos casos, de produción galega.
 
Carisma e autenticidade
Nas súas seis edicións anteriores e tras máis de 40 concertos celebrados, o ciclo conseguiu situar Galicia no calendario das xiras europeas tanto de nomes xa clásicos nos seus xéneros como de figuras en plena ebulición. É o caso do guitarrista e bluesman Jack Broadbent, definido polo Festival de Jazz de Montreux (Suíza) como “o novo mestre da slide guitar” e de quen outros músicos como Johny Halliday ou Bootsy Collins destacaron o seu carisma, autenticidade, calidade e a súa peculiar técnica á guitarra, que toca empregando unha petaca de whisky baleira.
 
Con catro discos publicados, entradas esgotadas na meirande parte dos seus concertos internacionais e unha reputación que medra día a día, ao músico británico bástalle coa súa voz e a súa guitarra, á que chama Marilyn, para transmitirlle ao público toda una “experiencia musical”, tal que como sinala a prensa especializada.
 
Tras esta actuación, a primeira que Galicia Importa ofrece en Lugo, o ciclo porá rumbo cara a Ourense, para pechar o seu cartel de 2018 o 10 de novembro no Teatro Principal. Será co Foursight Quartet da lenda do jazz Ron Carter, quen fora contrabaixista da banda de Miles Davis e colaborador doutros grandes nomes do xénero, como Chet Baker, Thelonious Monk, Herbie Hancock ou Chick Corea, entre moitos oitros. Carter posúe, ademais, do récord Guinnes como o baixista de jazz con máis gravacións ás súas costas.

-Facebook do ciclo Galicia Importa