O trío Sumrrá representa a música galega no Womex 2018 das Palmas de Gran Canaria

  O grupo, que viaxa co apoio da Agadic mediante un acordo coa organización do evento, tocará este venres no Auditorio Alfredo Kraus dentro da sección Atlantic Connections do programa de concertos

  Hoxe deu comezo a actividade no recinto feiral da World Music Expo, onde a marca GalicianTunes dispón dun espazo promocional

O trío Sumrrá representa a música galega no Womex 2018 das Palmas de Gran Canaria
[24/10/2018]
A edición de 2018 de Womex (World Music Expo) arranca hoxe nas Palmas de Gran Canaria, onde a música galega soará en directo da man de Sumrrá. O trío actuará o venres á noite no Auditorio Alfredo Kraus como parte do cartel da sección Atlantic Connections, dedicado á música dos territorios conectados polo Atlántico.

O grupo compostelán, que foi seleccionado directamente pola organización do evento, viaxa ata As Palmas co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, grazas ao acordo acadado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a promotora internacional de Womex para asumir os gastos de desprazamento dos representantes galegos na carteleira de concertos.
 
Ademais, Galicia ten presenza desde hoxe no recinto feiral instalado en Infecar (Institución Ferial de Canarias). Faino a través de GalicianTunes, a marca da Agadic para a promoción exterior da nosa música, que ocupa un espazo de difusión propio dentro da plataforma Sounds from Spain,  organizada por ICEX España Exportación e Inversiones xunto con outras institucións, entidades e colectivos do sector musical español. 
 
Considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música tradicional e de raíz de todo o mundo, Womex regresa este ano a España despois da súa última edición de 2017 en Katowice (Polonia) e de que levara a cabo dúas entregas anteriores en Santiago de Compostela (en 2016 e en 2014), tamén coa colaboración da Xunta.
 
Sumrrá, o noso trío de jazz máis internacional, súmase agora á listaxe de bandas galegas que actuaron en Womex ao longo dos anos. Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e Lar Legido (batería) son os integrantes deste grupo que, cuns 20 anos de traxectoria, posúe unha das carreiras máis constantes e sólidas do noso panorama musical. Con concertos realizados nos cinco continentes e seis discos editados, actualmente está a presentar en directo o seu último traballo discográfico, 6 Mulleres, no que se lles rende tributo a figuras que loitaron pola causa feminista. Ademais, a crítica especializada ten eloxiado a orixinalidade das súas composicións, o virtuosismo dos seus integrantes e a contaxiosa frescura dos seus directos.
 
-Sumrrá
-Womex