Román Rodríguez salienta o papel do encontro I+P Ideas para Producir no impulso de novos proxectos para cine e televisión

  O conselleiro de Cultura e Turismo clausurou en Pontevedra a duodécima edición desta xornada de ‘pitchings’ e reunións personalizas, para a que o Clúster Audiovisual Galego conta co apoio da Xunta

  Dezasete novas propostas audiovisuais, dez delas galegas, foron presentadas diante dos representantes de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras

Román Rodríguez salienta o papel do encontro I+P Ideas para Producir no impulso de novos proxectos para cine e televisión
[21/11/2018]
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, clausurou este mediodía en Pontevedra a duodécima edición de I+P. Ideas para Producir, subliñando a utilidade desta xornada de pitchings e reunións personalizadas cara ao impulso e materialización de novos proxectos galegos de cinema e televisión. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), volve colaborar nesta iniciativa do Clúster Audiovisual Galego (Clag), que este ano está a servir de plataforma para 17 propostas, 10 delas galegas.

O Pazo da Cultura pontevedrés reúne desde primeira hora da mañá unha vintena de representantes de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras, diante dos que se presentaron os proxectos seleccionados na procura de alianzas creativas e empresariais que favorezan a súa futura chegada ás pantallas.
 
A intervención de Román Rodríguez puxo fin á sesión dedicada á exposicióndas propostas por parte dos seus creadores ou promotores, tras a que durante toda a tarde terán lugar as reunións personalizadas pola organización para propiciar potenciais acordos coas empresas acreditadas este ano, entre as que se atopan RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Telecinco Cinema, Filmax, A Contracorriente Films, Sr Mono, #0 de Movista+, DeAPlaneta, Grupo Euskaltel, EITB, YV3, CRTVG, Portocabo, Arcadia Motion ou Plano a Plano.
 
Tres eixos de colaboración
Para o conselleiro, o encontro I+P. Ideas para Producir é un dos mellores exemplos da dinámica de colaboración que a Xunta mantén co Clag e que se estende a "tres eixos de actividade: “a participación na construción das liñas principais de incentivo e promoción do sector, a cooperación nas misións de internacionalización e o deseño de actividades de formación continua”, detallou.
 
Respecto a esta xornada de pitching, remarcou a súa incidencia en dous momentos clave do proceso audiovisual, como son “a procura de alianzas empresariais que se poidan establecer para lograr a viabilidade dos proxectos audiovisuais galegos en estado de produción e a busca de socios de cara ao proceso de distribución”. Neste mesmo sentido, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou na apertura da xornada a positiva confluencia desta iniciativa con outras accións de apoio ao sector por parte da Consellería de Cultura e Turismo, en particular, coas convocatorias anuais de subvencións para o desenvolvemento de proxectos, a promoción do talento audiovisual e a produción e coprodución de obras para cinema e televisión.  
 
Galicia Film Office
Ademais, Román Rodríguez dirixiuse aos representantes das cadeas de televisión, produtoras, distribuidoras e axencias de vendas convidadas a esta duodécima edición para lles anunciar que, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Xunta ten prevista a posta en marcha da Galicia Film Office co fin de promover as rodaxes na nosa Comunidade como xeito de aumentar a competitividade e de impulsar o emprego no sector.
 
Os asistentes tiveron a oportunidade de comprobar a variedade de xéneros e formatos nas que se está a traballar dentro da parte creativa do sector. Así, entre os 17 proxectos presentados atópanse longametraxes e series documentais (Rapa, de Mondotropo; A-CERO-5, de Agallas Films; Los días azules, de Summer Films; #WhySpain, de El Instituto para el Avance de la Narrativa, e Tics e intelixencia, de Producciones Vigo), comedias románticas (En amor y compañía, de Chema Gagino, e Quiéreme siempre, de Xoubiña Films) ou que xuntan romanticismo e terror (Chico conoce chica, de Lago&Laporta), dramedies (¿Qué hicimos mal, de Matriuska Producciones, e La habitación de María, de TV ON Producciones), thrillers para cine e televisión (Tagdemonium, de Congo Producciones; Retaliación, de CTV; 9 pasos, de Films&Media; La casa y el cadáver, de Samuel Lema, e Un robo de altura, de Lorolo) ou comedias para televisión e para plataformas dixitais (We love size. Las mujeres de verdad tienen curvas, de Milana Bonita Producciones, e El topo Newman, de Tamboura Films).   
 
-Clúster Audiovisual Galego