A Xunta reforza o compromiso con Culturgal incrementando o seu apoio económico e promovendo unha vintena de actividades

  Presentouse en Pontevedra a undécima edición da Feira das Industrias Culturais, que se celebrará do 30 de novembro ao 2 de decembro baixo o lema ‘Ti levas o compás’

  A Consellería de Cultura e Turismo repite como patrocinadora principal do encontro, que encherá o Pazo da Cultura pontevedrés con máis de 80 expositores e 120 citas lúdicas, divulgativas e de promoción

A Xunta reforza o compromiso con Culturgal incrementando o seu apoio económico e promovendo unha vintena de actividades
[23/11/2018]
A feira das industrias culturais Culturgal anunciou hoxe a programación completa que desenvolverá do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema Ti levas o compás. Será a undécima edición deste evento, que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como a principal entidade patrocinadora.

En concreto, este ano a Consellería de Cultura e Turismo incrementou a súa achega ata 65.000 euros (10.000 euros máis que en 2017) mediante o convenio asinado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Asociación Culturgal, organizadora da feira homónima, que reunirá máis de 80 expositores e lle proporá ao público galego 120 citas lúdicas, divulgativas e de promoción en todos os ámbitos culturais.
 
Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación desta undécima edición, onde especificou que a estreita colaboración da Xunta con este evento esténdese, así mesmo, a unha vintena de actividades inseridas no programa de 2018 e promovidas directamente por diferentes departamentos da Consellería. Atópanse, entre elas, talleres infantís e xornadas profesionais, ademais de presentacións de publicacións, campañas de dinamización e avances de próximas accións culturais, algunhas xa vinculadas á celebración do Xacobeo 2021.
 
Promoción cultural aberta e diversa
“O obxectivo é participar activamente en Culturgal desde unha dobre perspectiva: deixando testemuño da colaboración da Xunta en multitude de accións culturais ao longo do ano e reivindicando o obrigado papel da Administración autonómica como promotora cultural aberta e diversa”, sinalou o responsable da Agadic, quen asistiu a este acto en representación da Consellería de Cultura e Turismo xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Participaron tamén a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; o deputado de Cultura da Deputación Provincial, Xosé Leal; o presidente en funcións da Asociación Culturgal, Víctor López; e o director da feira, Xosé Aldea, quen detallou as principais novidades de 2018, entre as que destaca a estrea dunha área gastronómica ou a posta en marcha dun servizo específico de autobuses a Culturgal desde Ourense, Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela.
 
Dentro do Pazo da Cultura, a programación desenvolverase en diferentes áreas e escenarios que ocupan unha superficie de preto de 6000 m2: a Carpa, para os directos de música; o Espazo Libro, que acollerá sinaturas, presentacións, conversas e debates arredor da produción literaria; o Espazo Infantil, para os espectáculos dirixidos aos espectadores máis novos; e o Foro, un lugar heteroxéneo que o venres 30 acollerá actividades específicas para profesionais da cultura. Ademais, e por segundo ano consecutivo, o Espazo Arte Contemporánea instalarase na sala de exposicións do edificio.
 
Catro espectáculos especiais
Entre os espectáculos especiais programados por Culturgal 2018, o venres dedicarase ás artes escénicas coa montaxe Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, mentres que Carlos Núñez será o protagonista da noite do sábado con A irmandade dos celtas. Por último, o domingo representaranse dúas propostas para público familiar: Paio e o poder da música, de Oviravai, e A casa do terror, de Xoán Curiel. As entradas para estas funcións xa están á venda a través do web www.ticketea.com.
 
Un ano máis, a Asociación Culturgal, da que forman parte cinco asociacións profesionais –Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet)– que representan máis de 150 empresas do sector, encárgase da organización deste multitudinario evento, que o ano congrega arredor de 15.000 visitantes.
 
Os billetes individuais e para grupos, bonos, packs familiares e combinados feira+autobús xa están á venda a través do web www.culturgal.com/entradas.

-Culturgal