Román Rodríguez subliña Culturgal como reflexo do traballo compartido pola Xunta e o sector a prol da industria cultural

  O conselleiro de Cultura participou na inauguración do encontro, que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se agardan máis de 15.000 visitantes arredor dun programa con 140 actividades e un cento de ‘stands’

  A Administración autonómica é a principal patrocinadora do evento, ao que tamén achega unha vintena de citas lúdicas, profesionais e de difusión

  A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presentará a filosofía de 'O teu Xacobeo', a convocatoria aberta de proxectos na que a Xunta traballa para impulsar a participación neste evento de todos os axentes

 Román Rodríguez subliña Culturgal como reflexo do traballo compartido pola Xunta e o sector a prol da industria cultural
[30/11/2018]
A feira das industrias culturais Culturgal abriu hoxe as portas da súa undécima edición no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se agardan ata este domingo máis de 15.000 visitantes arredor dunha programación que lles ofrece unhas 140 actividades e o percorrido polo centenar de stands que ocupan o seu recinto feiral. 

Para o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, esta é, ademais, unha gran oportunidade para lle achegar ao público os resultados positivos do traballo compartido entre a Xunta e o sector no impulso das industrias culturais galegas.
 
Así o expresou esta mañá na inauguración do evento, acto no que estivo acompañado por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial; Víctor López, presidente en funcións da Asociación Culturgal, mais os representantes dos cinco colectivos profesionais que lle dan forma a esta entidade, encargada de organización da feira homónima: Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet).
 
Román Rodríguez salientou o reforzo e a innovación nesta nova edición do evento, na procura dun público aínda máis amplo ao que lle achegar “a sobresaínte creatividade e a intensa produción das industrias culturais de hoxe”. Nas súas palabras, o impulso das nosas industrias culturais é precisamente un dos obxectivos irrenunciables da política cultural da Xunta no sentido de “compartir, difundir e dotar de visibilidade a cultura galega, mellorando a accesibilidade a todo tipo de bens e servizos culturais para o conxunto da sociedade; contribuír ao crecemento económico, e promover os valores culturais do pobo galego, coa nosa lingua propia como factor de enriquecemento”.
 
A Xunta, promotora cultural
Segundo o conselleiro, estas premisas atópanse tamén no programa de Culturgal, que un ano máis volve contar co apoio económico da Administración autonómica como principal entidade colaboradora: “Ademais de cofinanciar o encontro, participamos activamente nel desde unha dobre perspectiva que busca deixar testemuño da colaboración da Xunta en multitude de accións culturais ao longo do ano, ao tempo que reivindicar o obrigado papel da Administración autonómica como promotora cultural aberta e diversa”.
 
Neste sentido, a Consellería de Cultura e Turismo volve dispoñer dun espazo propio no recinto feiral desde o que difunde numerosas iniciativas culturais xestionadas polos seus diferentes departamentos, ademais de promover directamente unha vintena de actividades lúdicas, formativas, profesionais e de difusión. Atópanse, entre elas, talleres infantís e xornadas profesionais, así como presentacións de publicacións, galardóns, campañas de dinamización e avances de próximas accións culturais, algunhas xa vinculadas á celebración do Xacobeo 2021.
 
Inmediatamente despois do acto de inauguración, a actividade da Xunta en Culturgal deu comezo no Espazo Carpa coa entrega dos premios do certame audiovisual de dinamización lingüística Nós tamén creamos! Xunto con estes, outros galardóns convocados pola Xunta en diferentes ámbitos culturais teñen tamén o seu lugar nesta programación a través das presentacións dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco (hoxe, 19,00 h.) e Nortear (mañá, 20,30h.), da proxección das curtas gañadoras de Pequefilmes 2018 e da entrega do Álvaro Cunqueiro e Manuel María de literatura dramática (domingo, 18,15 h.).
 
O teu Xacobeo
En canto ás accións eminentemente profesionais, hoxe darase conta do novo modelo de axudas da Agadic ás artes escénicas (13,00 h.) e da convocatoria de proxectos O teu Xacobeo (17,30 h.). Neste sentido, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presentará as claves desta convocatoria dotada con 2 millóns de euros e na que o Goberno galego está a traballar para converter o vindeiro Ano Santo nun proxecto participativo e aberto. Cecilia Pereira explicará ante os asistentes a filosofía desta iniciativa que nace para axudar a abrir este evento á implicación de todos os axentes sociais, económicos e institucionais de Galicia. Permitirá que calquera cidadán ou entidade poida achegar propostas de interese no ámbito xacobeo, que permitan definir o contido desta celebración desde unha perspectiva ampla, multidisciplinaria e plural, estendendo, ademais, as celebracións por todo o territorio galego.

Así mesmo, tamén se expoñerá a marca FEST Galicia para os festivais de música (18,00 h.) e terá lugar a presentación da campaña O galego crea ambiente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (18,30 e 19,00 h.).

A programación de mañá inclúe a difusión de varias das actividades da Cidade da Cultura de Galicia (Cidade de Nadal, ás 12,00 h.; Escenas do Cambio, ás 13,00 h.; e o calendario de exposicións, ás 18,00 h.), de publicacións como o XXXVIII Caderno Ramón Piñeiro en homenaxe a María Victoria Moreno (11,00 h.); As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia (11,30 h.), ou do número 9 da revista Ad Limina (18,30 h.); así como da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (17,00 h.).

Obradoiros do CGAC e do CDG
En canto ao domingo, a Consellería propón dous obradoiros pensados para o público infantil: o taller de arquitectura En construción, organizado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que dará comezo ás 12,00 h., e Que se agocha tras o pano?, a cargo do Centro Dramático Galego (CDG) e previsto para as 17,30 h.

Tamén na última xornada de Culturgal e da man do CGAC, o contador de historias e filósofo Celso Fernández Sanmartín narrará ás 17,00 h. a historia Por amor á arte.
 
Ademais e durante os tres días que dura a feira, poderá verse no acceso ao Espazo Arte Contemporánea a exposición Retrato da nosa contorna. Fotografía en curso cos proxectos do alumnado deste programa didáctico do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia.

-Culturgal