O ciclo do CDG 'Gran teatro para os máis pequenos' chega á súa fin co espectáculo 'Muiñada' e o taller 'Cántame un conto'

  A compañía Galeatro ofrece mañá e o venres as derradeiras funcións da programación infantil de Nadal no Salón Teatro de Santiago

  Elea López impartirá as dúas sesións do obradoiro previo ás representacións, na que a rapazada comprobará, a través de diferentes xogos, a importancia do son na construción dos ambientes teatrais

O ciclo do CDG 'Gran teatro para os máis pequenos' chega á súa fin co espectáculo 'Muiñada' e o taller 'Cántame un conto'
[02/01/2019]
O ciclo Gran teatro para os máis pequenos, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) na súa sede do Salón Teatro de Santiago, remata esta semana con dúas funcións do espectáculo Muiñada, de Galeatro. As representacións terán lugar mañá, ás 19,00 h., e o venres 4, ás 12,30 h., precedidas de cadansúa sesión do taller Cántame un conto. O espazo sonoro e os contos.

A montaxe da compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez proponlle á rapazada de hoxe en día unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe. Os dous atópanse nun dos moitos muíños de auga, que no se tempo estaban espallados por toda Galicia, a causa dun malentendido coas quendas das muiñadas. Ao veren que non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música lle achegarán ao público a historia e o funcionamento dos muíños.
 
Davide González dirixe este espectáculo, escrito por Ana Carreira e recomendado a partir dos seis anos de idade. Alba Bermúdez e Tone Martínez son os seus intérpretes, mentres que Anahí Taraburelli asina a escenografía e María Martínez o asesoramento de danza.
 
Xogos coas historias e refraneiros populares
A asistencia a Muiñada pode combinarse, previa reserva, con cadansúa sesión do obradoiro Cántame un conto, que Elea López impartirá desde dúas horas antes do comezo das funcións. Neste taller e a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordaranse as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondarse no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.
 
As distintas modalidades de bonos e as entradas individuais están á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro os días das funcións. A información e as reservas de prazas para o taller facilítanse no teléfono 881 867 229 en horario de 9,00 a 14,00 horas.
 
Con Muiñada e Cántame un conto chea á súa fin a programación especial de Nadal do CDG, dentro da que tamén se exhibiron no Salón Teatro Nómades, de Xarope Tulú, e Os fabulosos Cleaners, de Malasombra. Así e por terceiro ano consecutivo, o Centro Dramático Galego compartiu estas festas co público infantil, ao tempo que lles ofreceu aos seus adultos diferentes oportunidades para a conciliación familiar.

-Máis información
-Galeatro
-Unidade didáctica
-Venda de entradas