Farao baixo a marca GalicianTunes On Tour dentro do programa Showcase Scotland

A música e o turismo de Galicia desembarcan en Glasgow como territorio convidado no festival Celtic Connections

  A Consellería de Cultura e Turismo promove a delegación galega neste prestixioso encontro musical, da que forman parte oito grupos musicais e unha ducia de empresas turísticas que contactarán con promotoras e axentes internacionais

  Sondeseu actuará este xoves na gala inaugural do evento, no que tamén tocarán Anxo Lorenzo, Mercedes Peón, Tanxugueiras, Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Talabarte e Banda das Crechas

A música e o turismo de Galicia desembarcan en Glasgow como territorio convidado no festival Celtic Connections
[14/01/2019]
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou hoxe en Vigo o papel protagonista que terá Galicia na 26ª edición do festival Celtic Connections de Glasgow (Escocia) como o territorio convidado este ano polo seu programa Showcase Scotland. Este prestixioso evento musical, que terá lugar do 17 de xaneiro ao 3 de febreiro, está consolidado como un dos máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas.

Con tal motivo, a Consellería de Cultura e Turismo organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.
 
Así o detallou Román Rodríguez na presentación celebrada hoxe no Museo do Mar de Galicia, na que tamén interviñeron Vítor Belho, de Nordesía, a cargo da coordinación desta delegación artística e comercial; Rodrigo Romaní, fundador e director da orquestra Sondeseu; Sabela Maneiro, de Tanxugueiras; e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo Galicia, que colabora coa consellería na organización da misión turística.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e unha representación dos artistas que tocarán en Glasgow asistiron tamén a este acto, para o que se contou coa música en directo dun trío de arpa, bouzouki e violín, integrado por músicos de Sondeseu.
 
Actuacións galegas
Esta orquestra galega de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente.
 
Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. O conselleiro explicou que esta representación foi decidida polo propio festival tras unha convocatoria aberta, ao tempo que incidiu no feito de que, ademais de ao público xeral, estes concertos serán seguidos por uns 200 delegados internacionais acreditados, entre os que se atopan axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográficos, managers e medios de comunicación dunha vintena de países.
 
A Xunta recolleu este convite por parte do festival para ofrecerlles aos grupos participantes novas oportunidades de internacionalización non só das súas carreiras particulares, senón tamén da música galega en xeral. Para reforzar a súa presenta no cartel do Celtic Connections, editouse diferente material promocional, entre o que destaca un CD con temas dos devanditos solistas e bandas.
 
Tándem cultura-turismo
Román Rodríguez incidiu en que esta relevante presenza da música galega no festival serve, ademais, de porta de entrada para proxectar desde Glasgow a todo o mercado británico e europeo as vantaxes do tándem cultura-turismo en clave galega. Para isto, cóntase coa colaboración do Clúster Turismo Galicia para a celebración o 1 de febreiro dun evento específico para presentar Galicia como destino turístico diante de empresas e touroperadores radicados en Escocia.
 
Esta acción incluirá unha xornada de workshop entre os representantes dunha ducia de empresas turísticas galegas cos doutros tantos operadores escoceses, unha degustación de produtos galegos a partir das elaboracións culinarias facilitadas polo Centro Superior de Hostalería de Galicia ou a difusión do noso patrimonio cultural, natural e patrimonial a través dun stand instalado nun dos recintos principais do festival. Tamén o día 1, Celtic Connections será o anfitrión da ‘Galician festa’ en honor aos nosos artistas e profesionais.

-GalicianTunes On Tour
-Celtic Connections