O CGAI ofrece os mellores retratos da muller xaponesa da man do mestre Mizoguchi

  Este venres comeza un ciclo centrado en oito películas dos anos cincuenta, correspondentes á súa etapa de madurez, nas que recolle con mimo e complexidade gueixas, prostitutas e emperatrices, entre outras mulleres

  Inclúese neste foco a estrea en España de tres novas restauracións en 4K levadas a cabo pola Kadokawa Corporation e a Film Foundation de Martin Scorsese

O CGAI  ofrece os mellores retratos da muller xaponesa da man do mestre Mizoguchi
[15/01/2019]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)- Filmoteca de Galicia inicia este venres 18 un ciclo sobre o nipón Kenji Mizoguchi, considerado un dos mellores directores do cine xaponés clásico xunto a Akira Kurosawa e Yasujiro Ozu. A cinemateca galega céntrase na etapa de madurez do realizador, nos anos cincuenta, ofrecendo a estrea en España de tres novas restauracións en 4K levadas a cabo pola Kadokawa Corporation e a Film Foundation de Martin Scorsese: Cuentos de la luna pálida, El intendente Sansho e Los amantes crucificados.

Trátase de tres dos títulos máis coñecidos do mestre xaponés, que exemplifican a súa solvencia no jidaigeki, os fastosos filmes de época que tanto éxito tiveron en Occidente.
 
Fronte ás historias de samurais, as películas de Mizoguchi resultan moi introspectivas, centradas en conflitos internos e habitualmente protagonizadas por mulleres fortes, algo no que foi un adiantado ao seu tempo. Como explica o crítico Dario Tomasi, especializado en cinema oriental, o autor “denuncia abertamente as condicións de explotación e marxinación das que a muller é vítima por mor dunha sociedade patriarcal, que conseguiu reproducirse malia os notables cambios que, noutros aspectos, Xapón experimentou desde a Idade Media ata anos da segunda posguerra”.
 
Se ben El intendente Sansho, co que arranca o ciclo este venres na sede do CGAI na Coruña, e Cuentos de la luna pálida (25 de xaneiro) son filmes ben coñecidos polo público máis cinéfilo, que terá a oportunidade de redescubrilos en copias prístinas recentemente restauradas, o foco agocha outros títulos non tan habituais, pero con relatos que transitan polas mesmas coordenadas. É o caso deLa emperatriz Yang Kwei-Fei(8 de febreiro), unha das dúas únicas películas en cor que dirixiu Mizoguchi, sobre o amor entre o emperador Huan Tsung e unha moza plebea.

No que respecta ás gendaigeki, de ambientación contemporánea, o ciclo retrata con moito detalle as gueixas e o mundo da prostitución en títulos comoLos músicos de Gion (30 de xaneiro), La mujer crucificada (13 de febreiro) ouLa calle de la vergüenza, a súa última fita. Todas elas, xunto a La señorita Oyu (23 de xaneiro), compoñen o especial de oito filmes que poderá verse ata o vindeiro 13 de febreiro. 

[Na imaxe, fotograma de La calle de la vergüenza. © Collection Cinémathèque Suisse].

-Máis información no web do CGAI