'Elisa e Marcela' e 'A leituga' represéntanse en Madrid grazas ao intercambio entre MADferia e Galicia Escena PRO

  A Panadaría e Eme2 Producións foron seleccionadas pola organización da 15ª feira madrileña das artes escénicas como as dúas compañías galegas incluídas no seu cartel en virtude da colaboración entre a Agadic e Artemad

  O encontro celébrase desde hoxe e ata venres no centro Matadero

'Elisa e Marcela' e 'A leituga' represéntanse en Madrid grazas ao intercambio entre MADferia e Galicia Escena PRO
[22/01/2019]
Os espectáculos galegos Elisa e Marcela, de A Panadaría, e A leituga, de Eme 2 Producións, represéntanse esta semana na XV Feria de Artes Escénicas de Madrid MADferia grazas ao intercambio entre este encontro madrileño e o mercado Galicia Escena PRO, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

A través deste mesmo acordo que estableceron a Agadic e a Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid Artemad, organizadora de MADferia, Lo nunca visto e Soñando a Pinocho, das compañías madrileñas La Estampida e La Tartana, respectivamente, exhibíronse o pasado mes de xuño en Santiago de Compostela dentro da sexta edición de Galicia Escena PRO.
 
Os representantes de MADferia asistiron tamén ao mercado galego, onde tiveron a oportunidade de ver os espectáculos galegos programados, co obxectivo de seleccionar dous deles para a súa carteleira, integrada por 16 producións que se poderán ver desde hoxe e ata o venres no Centro de Creación Contemporánea Matadero.
 
Alí actuará mañá mércores A Panadaría coa súa premiada montaxe Elisa e Marcela, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España. Esta produción, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, chega a Madrid precedida dun gran éxito de público durante a súa ampla xira por Galicia e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.
 
O xoves será a quenda de Eme2 Producións, con A leituga, a partir do texto de César Sierra e con dirección de Víctor Duplá. Nesta traxicomedia, Antonio Durán “Morris”, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato interpretan os integrantes dunha familia que se reúnen para celebrar o aniversario do pai, en coma desde hai anos. A discusión por ver quen se encarga dos seus coidados saca a relucir asuntos non resoltos dentro da reflexión sobre o dereito á vida e á morte.

-MADferia