A Rede de Teatros e Auditorios da Xunta ofrécelle ao público de Tui unha carteleira de seis espectáculos galegos

  O concello tudense e a Agadic cofinancian ao 50% a programación escénica do Teatro Municipal para este primeiro semestre do ano

  Os espectadores poderán gozar das propostas de Talía Teatro, Elefante Elegante, Redrum Producciones, A Maxia de Ian & Elisa, Culturactiva e Tanxarina

A Rede de Teatros e Auditorios da Xunta ofrécelle ao público de Tui unha carteleira de seis espectáculos galegos
[29/01/2019]
O Teatro Municipal de Tui ofreceralle ao seu público seis espectáculos galegos, que se representarán durante os vindeiros meses neste escenario como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O espazo tudense é un dos 40 que lle dan forma ao circuíto promovido pola Xunta, a través da Agadic e en colaboración coas entidades locais asociadas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova carteleira, na que tamén interviñeron o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes de tres das seis montaxes programadas: Elisa Alfaya, quen porá en escena o 1 de marzo xunto a Ian Richard Hamilton o espectáculo de maxia Cousas de nenos; Avelino González, director da comedia Senior, que chegará ao Teatro Municipal o 8 de marzo da man de Culturactiva; e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, intérprete da proposta para público familiar A galiña azul, que será representada por Tanxarina o 15 de marzo.
 
Con anterioridade, terán lugar as outras tres funcións deste programa escénico, que arranca este mesmo venres 1 coa adaptación da famosa comedia de Goldoni O servidor de dous amos por Talía Teatro. O 8 de febreiro será de novo a quenda para o teatro infantil, co espectáculo Patapatúm de Elefante Elegante, mentres que Redrum Producciones presentará o día 15 a coprodución co Centro Dramático Galego Invisibles, un drama para a reflexión sobre a lacra social da violencia de xénero. 
 
Esta oferta cultural, cofinanciada ao 50% entre a Agadic e o Concello de Tui, forma parte da carteleira que a Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolverá en 38 concellos neste primeiro semestre do ano, con  349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo a cargo de 115 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
Este circuíto de programación escénica, que leva funcionando de xeito continuado desde 1996, é o principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de preto de 919.00 euros, que asumen a Agadic e as entidades locais asociadas.

-Axenda cultural Corredoira de Tui