ArtesaCía representa a comedia 'Chola a it girl' no Salón Teatro dentro do programa de residencias artísticas do CDG

  Laura Villaverde interpreta unha ‘influencer’ galega, rural e 100% ecolóxica nesta peza, que poderá verse en Santiago desde mañá xoves ata o domingo

  O equipo do espectáculo intercambiará impresións cos asistentes á función de mañá no marco do programa de encontros co público na sede do Centro Dramático Galego

ArtesaCía representa a comedia 'Chola a it girl' no Salón Teatro dentro do programa de residencias artísticas do CDG
[30/01/2019]
ArtesaCía traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago, onde desde mañá día 31 ao domingo 3 de febreiro representará a comedia Chola a it girl. Farao como unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas.

No caso de ArtesaCía, a peza teatral Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde. Deste xeito, ademais de no escenario, a historia de Choladesprégase través de múltiples medios e ferramentas narrativas, entre as que se atopa un canal de YouTube, un blog, perfís en redes sociais e unha tenda en liña.
 
Seguindo o estilo dos shows de coñecidos monologuistas, nesta comedia Laura Villaverde dálle vida á gran influencer galega Chola, cuxos trucos de beleza 100% ecolóxicos arrasan en YouTube. Agora é contratada por un teatro para realizar o seu primeiro titorial en directo, no que revelará en 10 sinxelos pasos os trucos para converterse nunha ‘It Girl rectificada’: youtuber, blogueira, mecánica de coches, traballadora do rural e piloto de rallys, ao volante do automóbil co que comparte escenario. Pero todo dá un xiro cando a protagonista recibe unha chamada en directo que a levará a confesar a súa faceta máis oculta e porá en evidencia as súas imperfeccións e humanidade, atributos nos que radica o seu éxito.
 
No Salón Teatro, representarase desde mañá xoves ao sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h. Ademais, tras a función de mañá terá lugar un encontro co público, no que os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións sobre o espectáculo co equipo de ArtesaCía.
 
A venda anticipada de entradas xa está operativa en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) de xoves a sábado e de 5 euros o domingo (tarifa única do Día do Espectador). Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.
 
-Máis información no web do CDG
-Chola&Lola