Román Rodríguez impulsa a proxección exterior da música e o turismo de Galicia no festival Celtic Connections de Glasgow

  O conselleiro preside a delegación galega que ofreceu unha recepción musical e gastronómica aos máis de 200 axentes acreditados en Showcase Scotland

  Anxo Lorenzo, Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Talabarte e Banda das Crechas actuaron como parte da selección que vén participando no evento desde o 17 de xaneiro xunto con Sondeseu, Mercedes Peón e Mónica de Nut

  A oferta turística de Galicia tamén está moi presente grazas á acción piloto ‘Experience Galicia’ na que un grupo de empresas turísticas da Comunidade está a presentar os seus produtos a unha selección de operadores escoceses

Román Rodríguez impulsa a proxección exterior da música e o turismo de Galicia no festival Celtic Connections de Glasgow
[01/02/2019]
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe en Glasgow a recepción que a música e o turismo de Galicia lles ofreceu aos máis de 200 axentes especializados acreditados no apartado profesional de Celtic Connections, un dos festivais máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas.

Nun acto celebrado na emblemática destilería Drygate, e dentro do programa específico Showcase Scotland, soaron as interpretacións en vivo de Anxo Lorenzo, Xabier Díaz, Tanxugueiras, Talabarte e Banda das Crechas, ao tempo que se degustaron produtos e elaboracións típicas da gastronomía galega e se mantiveron, en paralelo, encontros bilaterais entre operadores turísticos galegos e escoceses.
 
Acompañado por Donald Shaw, director artístico de Celtic Connections, e  diante de xestores culturais internacionais, axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográficos, managers e medios de comunicación dunha vintena de países, Román Rodríguez sinalou que, no mundo global actual, a música xoga un papel esencial para o noso desenvolvemento social, económico e turístico. “Ofrece experiencias únicas, une, fomenta a comunicación, a tolerancia e unha sa interdependencia”, asegurou.
 
A música como punto de encontro
O conselleiro de Cultura e Turismo referiuse tamén á importancia da música como punto de encontro e destacou a oportunidade de promoción que os artistas galegos e toda a nosa cultura poden atopar a través do festival de Glasgow.
 
Este é precisamente o obxectivo da presenza coordinada do tándem música-turismo que a Xunta está a desenvolver este ano durante as tres semanas de celebración de Celtic Connections. Ademais dos concertos dos devanditos artistas sumáronse estes días á carteleira o recital inaugural de Sondeseu e os de Mercedes Peón e de Mónica de Nut Raíces Aéreas. As bandas e solistas seleccionados interpretaron a súa música en boa parte dos 20 escenarios do festival —nos que en varios casos se esgotaron as localidades desde varios días antes dos concertos— e a Consellería levou a cabo unha campaña de difusión coa marca compartida co sector Galician Tunes On Tour, baixo a que se instalou un expositor, se editou un CD especial para a ocasión e se distribuíron distintos materiais de promoción.  
 
Sexto mercado máis importante
No marco do festival, tamén se está a celebrar unha xornada de traballo entre profesionais do turismo galegos e escoceses. Trátase do workshop Experience Galicia, unha acción piloto posta en marcha en colaboración co Clúster Turismo de Galicia que está a permitir que empresas turísticas galegas establezan contacto e presenten os seus produtos a unha selección de operadores escoceses coa intención de promover e difundir a oferta turística de Galicia neste mercado.
 
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou tamén nesta xuntanza de traballo entre os profesionais turísticos galegos e escoceses, ante quen salientou a relevancia que o mercado británico ten para Galicia. En concreto, Reino Unido é o sexto mercado estranxeiro con maior presenza no turismo da Comunidade. En 2018, máis de 65.000 viaxeiros procedentes de dito país achegáronse á Galicia, o que supón un incremento do 58% desde o ano 2012.
 
Román Rodríguez puxo en valor os recursos galegos e o traballo para mellorar de xeito permanente a oferta e as distintas infraestruturas, con actuacións como o novo Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, para seguir configurando un destino de maior calidade que aposta pola excelencia.
 
Xuntanza coas autoridades escocesas
Xunto á riqueza e variedade do patrimonio cultural e natural galego, o conselleiro fixo fincapé no intercambio que, desde a Idade Media e a través do Atlántico, xerou o Camiño de Santiago entre as cidades portuarias galegas e numerosos puntos do continente europeo, entre elas o propio Reino  Unido, dando lugar ao itinerario coñecido como Camiño Inglés. Ao respecto, coa vontade de darlle continuidade a esta relación, Román Rodríguez reuniuse coa ministra de Cultura, Turismo e Asuntos Exteriores de Escocia, Fiona Hyslop.
 
A xornada de hoxe, que concentra especialmente o protagonismo de Galicia na actual 26ª edición de Celtic Connections, remata co evento Galicia Fiesta! organizado polo propio festival e no que actuarán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e outros músicos convidados.

-GalicianTunes On Tour