O Centro Galego de Artes da Imaxe conmemora o Da da Muller con oito filmes de realizadoras galegas e portuguesa

  O ciclo Olladas de muller', organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, terá lugar desde mañá e ata o sábado na sede coruñesa do CGAI

O Centro Galego de Artes da Imaxe conmemora o Da da Muller con oito filmes de realizadoras galegas e portuguesa
[05/03/2019]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia ofrece esta semana o seu tradicional ciclo Olladas de muller, organizado cada ano en colaboración co Consello da Cultura Galega para conmemorar o Día da Muller. Entre o 6 e o 9 de marzo, a sede coruñesa da cinemateca proxectará oito películas dirixidas por realizadoras galegas e portuguesas para dar conta das últimas tendencias do cine que se está a facer a ambas beiras da raia.

A cita arrancará mañá ás 18,00 h. conArte+muller+Galicia, unha proposta da experimentada comisaria de arte Rosario Sarmiento sobre a historia recente deste medio en Galicia, contada polas voces das mulleres que marcaron a creación contemporánea nas últimas décadas.
 
Elas son tamén as protagonistas no segundo filme da xornada inaugural do ciclo, que se proxecta ás 20,30 h. Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, recolle a conversa dun grupo de amigas na trintena arredor das súas experiencias coa violencia machista, entendida nun sentido amplo, como aquela que pode exercerse con comentarios ou olladas, a que se respira na rúa ou a que provoca o temor das mulleres cando volven solas a casa pola noite.
 
Nun segundo treito da película, ese debate é confrontado con mulleres doutra xeración maior e finalmente levan a conversa crítica ao eido da educación secundaria, traballando os mesmos conceptos con alumnado adolescente. Tódalas mulleres que coñezo mostra como a educación en feminismo é aínda unha materia pendente e chama o público a reflexionar ante un debate candente na era do MeToo.
 
O devandito filme funciona como declaración de intencións dun ciclo no que tamén poderán verse Trinta lumes, de Diana Toucedo, o xoves 7, ás 18,00 e ás 20,30 h. e Correspondencias, da realizadora lisboeta Rita Azevedo Gomes o venres 8, ás 19,30 h.
 
A nena azul, título co que Sandra Sánchez acaba de conseguir o Premio Mestre Mateo do audiovisual galego á mellor curtametraxe, pechará o ciclo Olladas de muller o sábado 9 nunha sesión que dará comezo ás 18,00 h. e que incluirá outras tres fitas: Sombra luminosa, dos portugueses Mariana Caló e Francisco Queimadela; Un ollo de vidro, de Noela Gutiérrez, e Un país extraño, de Laura Pousa.

-CGAI. Ciclo Olladas de muller