Román Rodríguez visita a rodaxe do filme 'O Santa Isabel', inspirado no naufraxio deste barco fronte á illa de Sálvora

  A película, dirixida por Paula Cons, está protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna

Román Rodríguez visita a rodaxe do filme 'O Santa Isabel', inspirado no naufraxio deste barco fronte á illa de Sálvora
[19/03/2019]
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou esta mañá a rodaxe da película O Santa Isabel, na Illa de Sálvora. O filme, dirixido por Paula Cons, está inspirado no naufraxio do vapor transatlántico homónimo fronte á illa en 1921.

Agallas Films encabeza esta coprodución internacional que “narra un suceso acaecido na nosa terra e, para facelo, conta con actores e equipo técnico galego”, tal e como apuntou o conselleiro. A película relata a historia das tres heroínas de Sálvora, que arriscaron a súa vida para intentar salvar os náufragos deste vapor na súa ruta de Bilbao a Cádiz recollendo emigrantes rumbo a Bos Aires e con máis de 260 persoas a bordo. Cincuenta delas sobreviviron grazas á valente intervención de María e doutras dúas mozas da illa: Josefa e Cipriana.
 
Román Rodríguez destacou a importancia de que películas coma esta se roden en Galicia, xa que contribúen de xeito moi importante á dinamización do sector e a dar a coñecer o país máis aló das nosas fronteiras grazas á súa vocación de difusión comercial nacional e internacional. Cómpre destacar que O Santa Isabel desenvólvese como unha coprodución internacional entre a empresa galega Agallas Film, a arxentina Aleph Cine e a vasca Historias del Tío Luis, coa participación de RTVE, TVG e ETB. Ademais da subvención da Xunta, o filme recibiu tamén apoios do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Goberno de España, do Goberno Vasco, do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) arxentino e do programa internacional Ibermedia.
 
No reparto, encabezado por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, figuran actrices e actores galegos como Milo Taboada, Celso Bugallo, María Costas ou Machi Salgado. Paula Cons, quen tamén asina o guión xunto a Luis Marías, conta tras as cámaras cun equipo de destacados profesionais, como Aitor Mantxola (El fotógrafo de Mauthausen) ou o director de arte Antonio Pereira (Fariña).
 
Parque Nacional das Illas Atlánticas
Durante a súa visita, Román Rodríguez lembrou que esta rodaxe estase a celebrar nun paraxe natural incomparable como é a Illa de Sálvora, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Sálvora foi declarada Ben de Interese Cultural en abril de 2018 e forma parte da candidatura Cíes- Parque Nacional das Illas Atlánticas que Galicia está a impulsar.