A Agadic abre unha nova lia de axudas que sistematiza o apoio presenza do audiovisual galego en mercados internacionais

  Dotada con 50.000 euros, destínase a sufragar parte dos gastos de desprazamento, aloxamento e inscrición dos representantes de empresas produtoras ou distribuidoras galegas en feiras sectoriais estratéxicas

  As bases publícanse hoxe no DOG, que tamén recolle a convocatoria das subvencións para promover filmes galegos en festivais nacionais e internacionais

A Agadic abre unha nova lia de axudas que sistematiza o apoio  presenza do audiovisual galego en mercados internacionais
[25/03/2019]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas encamiñadas a impulsar a proxección exterior do audiovisual galego, tanto a nivel empresarial como artístico. No primeiro dos casos, as subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais deste sector póñense en marcha por primeira vez este ano co obxectivo de sistematizar o apoio económico á presenza de produtoras e distribuidoras galegas en feiras estratéxicas para a industria do cinema e da televisión a nivel mundial.

Dotadas con 50.000 euros, estas axudas resolveranse por procedemento de concorrencia non competitiva, de xeito que serán adxudicadas por orde de solicitude, sempre que se cumpran todos os requisitos das bases, ata o esgotamento do crédito ou, en todo caso, ata o 4 de novembro. A través delas, a Xunta sufragará parte dos gastos da asistencia dunha persoa por empresa solicitante (desprazamento, aloxamento e inscrición) a unha das feiras internacionais obxecto da convocatoria no período comprendido entre o 10 de decembro de 2018 e o 15 de novembro de 2019.
 
Europa e Estados Unidos
Con tal fin, seleccionáronse oito dos principais mercados audiovisuais do circuíto internacional, tanto respecto ao número e procedencia dos seus asistentes como ao volume de negocio que propician: NATPE de Miami (Estados Unidos), Cinemart de Rotterdam (Holanda), European Film Market de Berlín (Alemaña), MIPTV, Marché du Filme e MIPCOM de Cannes (Francia), Sunny Side of the Doc de La Rochelle (Francia) e American Film Market de Santa Mónica (Estados Unidos). No caso das feiras francesas e do mercado da Berlinale, a Agadic adoita organizar, así mesmo, delegacións institucionais e empresarias agrupadas baixo a marca Films from Galicia dentro do seu programa xeral de internacionalización do audiovisual galego.
 
No DOG de hoxe publícase, ademais, unha nova convocatoria das axudas anuais para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, que segue igualmente o procedemento de concorrencia non competitiva.
 
Neste caso, o orzamento da convocatoria é de 40.000 euros, que se destinan a apoiar as campañas de promoción dos filmes que teñan sido seleccionados nalgunha das mostras especificadas nas bases, co fin de pór en valor o traballo dos produtores e creadores, así como de situar Galicia no mapa cinematográfico internacional.
 
Na convocatoria, recóllense 38 festivais, entre os que se atopan 19 dos recoñecidos pola Federación Internacional de Asociacións de Produtores Cinematográficos (FIAPF), como a Berlinale (Alemaña), Cannes (Francia), Shangai International Film Festival (China), Karlovy Vari (República Checa), Locarno (Suíza), Biennale de Venecia (Italia), San Sebastián ou Sitges, entre moitos outros.
 
Para estas axudas, o prazo de presentación estará aberto ata o 25 de abril no caso dos eventos que xa se teñan celebrado, mentres que para os que se desenvolvan a partir de hoxe, o período de solicitude será dun mes desde que se produza a comunicación oficial da selección por parte do festival, sempre que non se exceda a data límite do 15 de novembro.
 
Ambas as convocatoria poden consultarse nos seguintes enlaces do DOG: subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais e subvencións para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais.