A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle na Estrada a estrea do espectáculo da compañía Talía 'A primeira vez'

  A cita será o 29 de marzo ás 21,00 h. no Teatro Principal da localidade pontevedresa

  Artur Trillo dirixe esta versión galega do texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, con María Ordóñez e Toño Casais na interpretación

A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle na Estrada a estrea do espectáculo da compañía Talía 'A primeira vez'
[26/03/2019]
O Teatro Principal da Estrada acolle o vindeiro venres 29 de marzo ás 21,00 h. a estrea do espectáculo A primeira vez, a cargo da compañía Talía Teatro. A función está programada no marco da carteleira da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA), impulsada anualmente pola Xunta de Galicia en 40 espazos escénicos galegos e en colaboración cos concellos respectivos. En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea.

 

Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor.

Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”.
 
Jacobo Sutil tivo palabras de recoñecemento para Talía Teatro, unha das compañías máis activas e prolíficas do país, que ten previsto para este 2019 a estrea de catro espectáculos. A primeira vez é o segundo destes proxectos, para cuxa materialización contou co financiamento da convocatoria de subvencións á produción escénica do pasado ano. 
 
O responsable da Agadic destacou tamén a inclusión desta estrea dentro da actividade da RGTA. Así, o Teatro Principal da Estrada, o acordo entre a Agadic e o Concello está a posibilitar neste período outras cinco funcións doutras tantas compañías galegas: as xa realizadas por Chévere e Malasombra e, en próximas datas, as que levarán a cabo Markeliñe con Euria, Galitoon con Facendo o indio e A Panadaría con Elisa e Marcela.

-Dossier do espectáculo